A canción que compuxo sobre a cidade colleita éxito en You Tube
29 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A mindoniense María del Carmen Rodríguez Lage, nacida nos Remedios hai 45 anos, ten hoxe un especial encontro coa súa cidade e cos seus habitantes, xa que ás oito e media da tarde no Auditorio Pascual Veiga, pronuncia o pregón das Quendas, as feiras de primavera de Mondoñedo. Mestra de infantil de profesión, a música é unha das súas paixóns.
-Creo que hoxe presenta vostede un traballo
-Si, todo parte de aí, ao compoñer este tema Sempre Mondoñedo. Eu teño afición de facer cancións, levo moitos anos compoñendo, pero de forma privada e fixen unha gravación nos estudos Abrigueiro hai ano e pico, pero é unha cousa privada, persoal. Entre eles ía o tema Sempre Mondoñedo Publiqueino en You Tube, onde metín unha composición con fotos e chegou a moita xente, e cal foi a miña sorpresa que me chamaron para ser pregoeira, por facer ese tema.
-¿Qué tipo de música é?
-Non sei como cualificala, é unha música tirando a melódica... pero non sei cómo describila. Tipo cantautor, do que se pode escoitar por aí. Esta é en galego, pero outras que teño son en castelán.
-¿Cál e a mensaxe do tema?
-Unha parte falo que cómo é ese lugar que a todos fai amar. É algo a nivel de emoción, do que significa para min ser parte de Mondoñedo. A min éncheme de orgullo ser mindoniense, levo Mondoñedo na alma.
-¿Vostede pasou a súa infancia nesta cidade?
-Si, ata que me marchei estudar fóra; a miña nai sigue vivindo alí e sigo vinculada totalmente a Mondoñedo, O que si é certo que miña familia non procede de alí, pero eu e meus irmáns si (...).
-¿Que vai transmitir no pregón. Como ve vostede a cidade?
-Pretendo facer alusión ao que era a miña nenez en Mondoñedo e o que sinto pola miña cidade. Hai cousas que me producen certo desgusto porque vexo que que a situación non é como eu quero que sexa, vai mermando en brillo e é unha mágoa que non prospere, pero ten moitas outras cousas que valorar. -¿Quizais está pasando as épocas máis baixas?
-Non me atrevo a ser tan negativa no cualificativo, eu digo mellor máis tristes. É o que sentimos os mindonienses, que estamos perdendo o brillo (...) Decreceu a poboación, hai crise económica no Concello e non poden investir quizás como quixeran, a xente non se queda, ten que marchar e logo o peche de fábricas e negocios...
-¿Que se lle ven a cabeza cando evoca Mondoñedo?
-Venme moito a Alameda; toda a miña nenez foi alí e as festas coas que tiven unha relación moi directa. Eu vivía alí ao pé da Alameda e os meus cristais meneábanse ó son das orquestras totalmente.
-¿Esta afición musical de onde lle ven?
-Na miña casa somos todos moi musiqueiros, temos todos bastante bo oído. As miñas fillas, por sorte, tamén seguen con iso, tocan as tres o piano, tocan o piano e gústalles cantar. Miña mai era moi cantariña e ela, e meu pai, meus irmáns, éramos tres, fomos todos do Orfeón.
-Ou sexa, que si fallaban vostedes estaban perdidos
-Bueno, daquela había máis habitantes que agora, pero si que se nos notaba si.
-Que aconsellaría a un visitante que chega á cidade
-Andar polas rúas e mirar para os escudos e monumentos, simplemente con pasear polas rúas xa te levas algo, lévaste historia seguro.