Que simpático aquilo dos enfrontamentos tribais, entre os orelludos e os narigudos por un anaco de carne de búfalo, polo ben do clan, da familia ou da tribo. Pero a mente humana, que sempre se distinguiu por argalleira, decidiu un día que, para non andar a paus e pedradas era mellor casar ó fillo do xefe destes coa filla do dos outros. E a cousa funcionou durante un tempo, pero pasada a lúa de mel xa empezaron cuñados e concuñados, sogras e noras a armala de novo.
A civilización sempre foi moi complicada, e aquelas guerras perfeccionáronse inventando os espías, os traidores e os acaparadores. As guerras xa non só se facían por unha tallada máis ou menos, senón por todo o búfalo e aínda polo arcón conxelador se o había, baixo a máxima de «ó inimigo nin auga». Tamén baixo a desculpa de que un rapaciño caprichoso se namoraba da mesmísima esposa do monarca veciño, ou porque os protexidos do César se sentían menosprezados e dábanlle de coiteladas.
Sempre houbo razóns de sobra para entrar en casa allea. E a historia está chea de contos e artimañas para conquistar o dos demais. Sen saír de Iberia, aquí tivemos pais que repartiron o reino entre os fillos, como se fose un cacho de pan, e fillos que lle sacaron o pan da boca a seus irmáns, monarcas que arrastraron a un fato de crédulos coa revirada idea de, en nome dalgún deus, matar de fame ós outros, ou caprichosos señores que a troco dun falcón, cedesen extensas chairas sementadas de trigo.
Pero sempre, en todas as razóns esgrimidas para andar a sopapos entre uns e outros, houbo razóns de peso; e o curioso é que sempre, segundo quen o conte, tiveron tanta razón uns coma os outros. E todos pensamos que coa Unión Europea xa se acababan esas discusións e xa todos seriamos felices e comeríamos perdices de Toledo con salchichas de Frankfurt, un viño de Oporto e soufflé francés, sen decatarnos de que as novas guerras non se fan con pistolas e tiratacos, senón con participacións, bonos, accións e mercados estratéxicos.
O primeiro pau levámolo cando lle dixeron ós armadores de Ribeira que para pescar en mar aberto había que ter licencia. Logo dixéronlle ós ferroláns que para facer barcos tiñan que pedir permiso. Despois, como en Santa Bárbara, Fenosa, Emesa, Pescanova, La Toja ou San Luís (por citar algo), non se podía poñer cota, apareceron inversores estranxeiros para mercar anacos das nosas empresas punteiras, e todos contentos porque era recoñecer que tiñamos cousas boas. Pero cando aqueles feirantes xa tiñan unha porcentaxe importante de accións, e os consellos de dirección foron copados por uns que chegaban en avión para controlar o mercado, mentres comían marisco decidiron que non era viable fabricar nada nesta terra de bruxas e meigas, e levaron toda a produción para a súa casa coma quen leva unha botella de licor café. Declaráronse en crise, convocaron concurso de acredores, pecharon as fábricas e os obreiros volveron ás pedradas tribais por un anaco de salario, mentres os inversores asinaban cos gobernantes unha paz que paga o Inem a cambio de deixarlles libre un mercado que era netamente galego.
Nas guerras actuais non é necesario sacar a pistola para condenar a un país ó ostracismo.