Que Deus nos colla confesados

X.C. Morgade

FIRMAS

21 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Adous meses do comezo do verán, a tempada de incendios forestais véntase moi perigosa. A abundancia de chuvias e o incremento das temperaturas que chega coa primavera farán medrar a cuberta vexetal dos montes de xeito apreciable, pero a Xunta no parece preocuparlle. A práctica desaparición de axudas económicas ás comunidades de montes para traballos silvícolas engádese a ausencia de política de prevención. Xa o ano pasado saíron tarde e volvemos tropezar na mesma pedra. E a día de hoxe nin sequera a Consellaría de Medio Rural formou as súas cuadrillas. É tanta a súa desidia, que a estas alturas aínda non convocou ao sector no Consello Forestal para informarlle do Plan Pladiga (contra os incendios) deste ano.

A nivel local a cousa está un pouco mellor. O Plan Monte Vivo do Concello de Pontevedra posibilitou que hoxe estea atendido e traballado a gran maioría do monte veciñal desta zona. Pero non nos enganemos. Quedan dúas terceiras partes de monte en matos particulares, a maioría sen xestión. E son as parcelas máis achegadas ás casas e instalacións. O traballo comezado polo goberno bipartito coas franxas de protección está hoxe medio esquecido por concellos e Xunta de Galicia, que mesmo reformou a lei reducindo estas franxas. Nesta situación, soamente falta que se dean as condicións meteorolóxicas do 2006 para que teñamos de novo nas portas aquela destrución que nos encolleu a alma. Que Deus nos colla confesados!