As bailarinas de Degás

FIRMAS

As artes escénicas, antano, eran só cousa de homes, eles escribían e eles interpretaban, e ata para facer de mulleres tiñan que ser homes disfrazados, a fin de non atentar contra a moral. A muller, polo xeral, só era unha espectadora que se atiña ós gustos masculinos. E é curioso que das poucas actrices do barroco de que temos noticia, témola máis polos seus encantos e encantamentos nos leitos da nobreza ca pola súa interpretación. Tamén o ballet naceu como unha expresión dedicada a entreter ós nobres renacentistas unicamente con bailaríns, porque unha muller sobre o escenario, dando saltos e facendo cabriolas sería unha indecencia.

Pero chegaron os románticos das primeiras décadas do século dezanove, e ocorréuselles meter no ballet a algunha muller, provocando un grande escándalo na enfaixada sociedade; pero tamén, desde entón, cambiou totalmente o concepto do sexo nesta forma de expresión. As mulleres amosaban tal lixeireza na danza que semellaban flotar, os corpos parecían voar como se fosen feitos de sustancias gasosas, e cando aprenderon a andar sobre as puntas dos pés, aumentaban no espectador a sensación de levidade. Foron alixeirando a roupa, para que esa sensación de ingravidez se acentuase, acurtouse a saia e os vestidos perderon as mangas, provocando nas recatadas señoras da época a indignación e ata a vergoña, mentres os varóns asistían ó teatro como se fosen a un espectáculo de erotismo, para ver ás danzantes estirando as pernas e lanzándose en gráciles saltos ós brazos dalgún bailarín, convertidos nesta época en simples apoios para asegurar os difíciles equilibrios e reviravoltas que elas facían.

As bailarinas nunca eran mozas da alta sociedade, senón rapazas saídas das clases populares, que cun pouco de sorte podían exercer a profesión entre os quince e os trinta e poucos anos, ganando menos ca unha costureira ou lavandeira, pero ás que a sorte lles podía brindar a posibilidade de ser a protexida dalgún nobre, para xuntar unha pequena fortuna. E por estas mozas de delicada figura tiña Degás unha querenza especial, demostrada no feito de que dos mil douscentos cadros que se lle contan trescentos están ambientados nas salas de ballet, xa sexa practicando, bailando ou vestíndose.

As bailarinas de Degás non teñen nome, e por non ter nin sequera teñen cara, son como nubes que semellan flotar, ás veces baixo a atenta mirada dun cabaleiro, son rapazas que comparten exercicio, figuras, poses, preocupacións e ansias, que levan tras de si algunha historia que nos sorprendería, que cando sacan o tutú visten prendas aproveitadas e refeitas pola nai ou a veciña costureira, mozas que saben que antes dos corenta, se a sorte lles dá tantos anos de vida, han de conseguir que algún cabaleiro se fixe nelas para poder seguir vivindo cando a gracilidade da mocidade comece a decrecer. Nos cadros de Degás son seres humanos carentes de teatralidade, son seres vulgares, con expresión seria e cansada, que se visten, calzan e rascan sen pudor. Son como nubes onde adiviñar a forma dunha ansia ou dun bocexo. Como se un vento que entre por calquera fachinelo as poida arrastrar ata converter de súpeto en nada. As bailarinas de Degás levan en si o efémero da vida.