Podo lembrar a caverna de Platón, onde os listos advertían de que aquelas sombras desproporcionadas que se coaban pola porta eran de monstros que podían botalos a perder se entraban; pero tamén lembro a de Saramago, onde a ansia duns aldeáns era entrar na caverna convertida en cento comercial; en calquera das dúas o mundo de dentro despreza e minusvalora ó de fóra, uns por medo e outros por orgullo, a diferenza é que na do portugués, os protagonistas coñecían o que había no exterior, e cando saben da mentira que encerra aquel mundo de dentro non dubidan en volver á aldeíña. Pero ambos, tanto na de Platón coma na de Saramago, viven coa ilusión de imaxinarse como é o non coñecido, xa con medo ou coa ambición de gañar o futuro. Por iso, que non nos pechen os ollos. Antes de empezar esta crise estábamos fóra da caverna, sabíamos como estaba o mundo, cales eran as nosas metas e aspiracións, que cousas había boas e cales malas e non vale que de súpeto nos queiran facer cegos ou dicirnos que todo aquilo era unha ilusión óptica, ou sombras desproporcionadas.
Vén isto a conto porque efectivamente da crise habemos de saír, pois non hai mal que cen anos dure, pero non sabemos cando nin como. Podemos ter a ilusión de que para o ano 14 ou para o segundo semestre do 13 (hai que ser iluso). Fixándonos nos papeis, calquera que goberne pode enganarnos amosándonos a curva do número de parados botando foguetes cando comece a aplanarse, pero iso nin sequera serán brotes verdes, só será unha terra onde non hai máis que queimar. Logo, aínda quedará abonala, arala, trillala e agardar a que o froito que saia sexa adecuado para satisfacer as nosas necesidades, alomenos. Habemos de saír da crise, porque o mesmo mercado se decatará de que necesita quen merque, e só cando se poida mercar se poderá fabricar e darlle emprego á xente, pero de momento temos seis millóns de persoas que non contan cunha mínima perspectiva de futuro, que nin mercan nin gastan nin viven, e ós que aínda teñen traballo regatéanlle o salario como se a nómina fose un galano saído da filantropía do patrón, onde se está facendo fincapé no das pagas extras, insistindo nese mal nome que lle demos ó que realmente son salarios en diferido -atención, non é nada extra senón un pagamento aprazado-, para raspiñarlle a cada traballador boa parte do seu traballo.
Habemos de saír da crise, pero nin sabemos cando nin como. E polo camiño que nos levan sairemos coa mentalidade cambiada para mal, porque cando xa non se pode máis, ata o perdido no deserto agradece unha simple esponxa empapada en calquera auga. Sairemos cando en vez de sacarnos talladas de salario nos dean contratos por hora que non chegan ós seiscentos euros, e cando os bancos abran a billa das hipotecas será para facernos pagar de por vida por catro metros cadrados, que é o que mide unha cama pequena de matrimonio.
Sairemos ou minoraremos a crise, porque se despois dun ano e medio en que a pendente de empobrecemento da sociedade aumentou de maneira exponencial, esta se mantén ou aínda baixa algo, semellará que xa todo está encamiñado, e non será máis ca unha ilusión óptica, a alongada sombra dun anano que aboca a porta da caverna.