«Este ano arriscamos co cartel do Aversion Fest e esperamos que surta efecto»
FIRMAS
A terceira edición deste festival musical de rock comeza esta noite no pavillón dos institutos de Burela
29 mar 2013 . Actualizado a las 12:30 h.Preparados, listos... e ¡xa! Esta mesma noite arranca a terceira edición de Aversion Fest no pavillón dos institutos en Burela, con apertura de portas ás 21.00 horas e inicio dos concertos ás 21.15. Na primeira xornada tocan Anima, A.R.D.E.N., The Brosas, By the Face, Morgen, Infeccion, Zombie Dolls, Maldía e La Desidia. Mañá, sábado, tocaralle o turno aos esperados For the Glory, Legacy of Brutality, Thirteen Bled Promises, Early Seasons, Borderlands, Mercyless, The Chaos is Coming, CVLT, Against the Waves, Estruga, The Broken Revenge, Oblivion, Above the Seas e Abstrakt. Este segundo día os concertos comezarán ás 19.30 horas.
-¿Como son as expectativas, a unhas horas para comezar?
-Un pelín altas. Este ano arriscamos co cartel, metimos actividades a maiores e esperamos que surtan efecto.
-¿Que actividades son?
-O sábado, a charla «Autoedición e creative commons. A nova revolución cultural» que imparte Iván Louzao de A Coruña, ás 16.30, e o concurso Jam Fight! ás 18.00, unha especie de jam session na que hai un gañador e un xurado. A marca de roupa galega Don?t pray for me patrocinará ao gañador durante un ano enteiro, con roupa.
-¿Que bandas da Mariña estarán presentes nesta edición?
-De Burela The Brosas, de punk&rock e levan varios anos dándolle cera, con bastantes quilómetros feitos e con boa acollida por Galicia. Tamén debutan Estruga e Abstrakt. E de Viveiro veñen dúas, By the Face e The Broken Revenge.
-¿E das estranxeiras?
-A que máis destaca é For the Glory de Portugal que toca este ano no Resurrection Fest. Ten bastante tirón, é de hardcore. Das asturianas veñen Legacy of Brutality, eles autoeditan e fan todo eles mesmos. O estilo é death-metal extremo. É unha banda que leva moitos anos e se moveu fóra de España e toca con bandas de nivel, é unha aposta forte para nós. Outra, de Madrid, é Thirteen, bastante recente. O seu último traballo na prensa especializada tivo moi boas críticas, considerándoa banda revelación. No resto tamén hai moi bo nivel.
-Este ano tiran a casa pola ventá... ¿Onde se poden adquirir as entradas?
-Hai catro puntos de venta: Enigma (Burela), Viveiro (La Family Shop), Navia (Bar Los Arcos) e Puerto de Vega (Vega Inc.). Por Internet, metaltrip.com, e en taquilla tamén.
-¿Esperan unha importante afluencia de público?
-Contamos que se achegue bastante xente da Mariña e do Occidente asturiano. Tamén sabemos que virán de Vigo, A Coruña e incluso de máis lonxe.
A organización disporá dunha zona albergue, con prazas limitadas e horario restrinxido para facilitar o aloxamento dos espectadores, para os que contará ademais con outros atractivos, como espectáculos de animación, sorteos e regalos. Cos organizadores do Aversion Fest colaboran tamén o Concello de Burela e a Deputación Provincial de Lugo. Máis información na web oficial aversionfest.com e tamén en Facebook.
lorenzo garcía e ismael iglesias organizadores do aversion fest