Vox Ánima

La Voz

FIRMAS

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A mañá do 3 de xaneiro de 1881, nun dos seus paseos pola cidade de Turín, Friedrich Nietzsche presenciou por azar a escena do maltrato dun cocheiro ao seu cabalo, imposibilitado para seguir camiñando. O filósofo rodeou cos seus brazos o pescozo da vítima, protexéndoo dos golpes. Ao pouco derrubouse chorando, caendo nun colapso mental no que pasaría os seguintes dez anos, ata a súa morte. Fundada en abril de 2012, a asociación animalista barbanzá Vox Ánima recupera a aperta nietzscheana a todo individuo animal vítima de explotación, maltrato, crueldade ou abandono. Procedentes do ámbito das protectoras e impulsados pola defensa dos dereitos dos animais, Vox Ánima maniféstase como unha organización antiespecista disposta a converterse na voz dos sen voz, mediante campañas de concienciación e protesta. Con escasísimos recursos, procedentes de mercadiños, eventos benéficos e achegas dos seus socios, a asociación loita pola consecución dun refuxio-santuario multiespecie que acolla todo animal desamparado e abocado a unha morte segura. A condición humana implica necesariamente o respecto ao dereito á vida de calquera outro ser vivo. De igual xeito que igualamos razas e sexos, debemos igualarnos todos os sentintes. A colaboración de todos nós é determinante (voxanima.org).

Arousa Norte redefínese como un espazo xeográfico tomado pola indignación e os posicionamentos asociacionistas fronte á inoperante clase política que nos domestica. A Asemblea en Defensa do Ensino Público na Barbanza entregou máis de 6.000 sinaturas no rexistro da casa consistorial de Ribeira o pasado 2 de febreiro para manifestar o rexeitamento de anpas, alumnos e profesores de todos os municipios da comarca á ferinte nova lei educativa.

Unha arriscada e necesaria aposta editorial, Axóuxere, vai xa para os dous anos de vida dando claves de pensamento crítico necesarias para saír do estado de anestesia moral definitorio do capitalismo. A súa casa-residencia de escritores e escritoras de Brión (Rianxo) é un fervedoiro de intelixencia e traballo, un lúcido intento de transfiguración do social.