Na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos no concello d´A Pobra do Caramiñal sobrevive un microtopónimo que as xentes pronuncian «Alobagheira», pero que non aparece nos mapas actuais. Unha soa casa co seu eido, leiras e piñeirais reciben este nome. O tamaño da propiedade, así como a boa factura da casa, hórreo, pombal, muíño e alpendres anexos dan conta dun pasado de farturanza. Está preto da igrexa parroquial, o mesmo que O Foxo, outro nome de lugar que tamén fai alusión aos nobres e tráxicos habitantes da serra: os lobos. Son moi abundantes na nosa terra tanto os Foxos, que se refiren aos precipicios ou fosos construídos para a caza do lobo, como Lobeira e Lobeiras, procedentes do étimo latino lupariam «lugar frecuentado polos lobos» ou «onde estes animais teñen os seus tobos». En cambio, Lobagueira é unha variante de escaso uso.
En breve, de non chegar a un consenso, a única presenza do lobo do Barbanza vai ser a presenza zoolóxica que nomean estes lugares, como lles pasa ás Lobeiras mariñas (testemuñas da abundancia de focas ou lobos mariños noutras épocas).