Deu os seus primeiros pasos no teatro da man de Airiños
21 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Deu os seus primeiros pasos no eido do teatro da man da fábrica de actores rianxeira, a compañía Airiños. Aínda que gozaba cada vez que subía ao escenario, Mauricia Ces tivo que deixar esta afección por mor das obrigas laborais e familiares, pero a espiña das artes escénicas quedoulle para sempre cravada. Tanto é así que, cando soubo da organización do torneo de recitadores Slam.arousa, non o dubidou e concorreu ata en catro ocasións. En Cambados conseguiu clasificarse para a gran final que se celebrará o vindeiro día 30 na Illa.
-Agora que está afastada dos escenarios, ¿como se decidiu a participar neste torneo?
-A verdade é que me gustou a idea nada máis saber dela. De feito, non puiden asistir á primeira semifinal, no Curral do Marqués, pero compuxen unha poesía para a cita de Ribeira, na que falaba do propio slam e dos participantes. Alí quedei finalista, ao igual que en Boiro e en Vilagarcía. Logrei colarme na final en Cambados.
-¿Como valora a experiencia?
-Gustoume moito. De momento, serviume para explorar se tiña capacidade para recitar e, mal ou ben, téñoa.
-Pero, xa tiña táboas enriba dos escenarios da súa época en Airiños...
-A verdade é que si. Eu era secretaria do centro cultural de Asados cando se fundou a sociedade e se aprobaron os estatutos. Daquela formaba parte da compañía e actuei en pezas como Na casa do ciruxano, A casa dos líos, Os vellos non deben de namorarse...
-¿Por que abandonou a compañía?
-Por dedicarme á familia e a outras obrigas, algo que lle ocorre a moitas mulleres. Vía que non podía dedicarlle o tempo necesario. O certo é que o teño pasado moi ben nos ensaios, cando preparabamos as funcións en rianxeiro, con gheada e seseo. Rímonos moito.
-Semella que lembra aquela época con morriña, ¿pensa quizais en volver?
-Encantaríame volver e moitas veces incluso o planteo pero, ao mesmo tempo, doume conta das limitacións que teño en materia de tempo libre.
-Enfrontándose ao público en solitario, ¿sentiu medo escénico?
-Medo non, pánico. Ás veces tremes como unha vara verde, pero actuar provoca un auténtico subidón de adrenalina. Supoño que debe ser algo semellante a tirarse en parapente.
-¿Vese con opcións na gran final do Slam.arousa?
-É complicado. Penso que é máis cuestión de sorte, pois os membros do xurado elíxense entre o público presente.
-¿Vai apostar por unha composición de humor?
-Desde que empecei no torneo en novembro, fixen un pouco de todo. Hai composicións humorísticas que están ben, pero non funcionan, e á inversa.
-Vai ter unha contrincante de Rianxo...
-Si, Merchi Pimentel. Ela ten enganche co público, pero hai que ter en conta que o resto dos finalistas son poetas de verdade.
mauricia ces quintáns finalista do slam.arousa