O Val do Ouro, de cine

Inmaculada Eiroá González
INMA EIROÁ O VAL DO OURO / LA VOZ

FIRMAS

XAIME RAMALLAL

Debe de ser un referente, con dez películas feitas e agora un festival

04 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Na comarca do Val do Ouro non teñen un Robert Redford, pero si que contan cun Manuel Lourenzo, cun Pepe (Vázquez) Peinó, e cun grupo de xente involucrada no teatro e no cine aos que non supera en gañas o veterano actor americano.

Toda esa paixón e entusiasmo fixeron posible que nestes últimos anos se filmasen nestas terras e os arredores ata dez películas, algunha delas longametraxes, e que agora se organizara un festival de cine. Á fronte destes proxectos anda Pepe Peinó, que compaxina a súa afección pola cámara co seu traballo de mestre, co teatro, a radio, a creación literaria e ata a política. Comenta que a veces a vida vaite arrastrando e lévate a estas cousa. No seu caso, di, é «unha vítima».

O primeiro paso no mundo do cine deuno da mao de Raiolas, o grupo teatral local do que forma parte e co que filmou A Carta, con Ana Lorenzo de protagonista. Nada máis rematala empezou o curso no IES Alfoz-Valadouro e propuxo outro proxecto: Malos tempos, no que participou practicamente toda a xente do centro, dende alumnos, a profesores, persoal de limpeza e administración. Con esa historia conseguiron un primeiro premio no Festival de Ourense e o estímulo para seguir traballando. Cos cartos dos premios, a axuda do IES e as apartacións persoais, seguen adiante, ata lles permitiu mellorar de cámara. Atrévense case con superproducións, con cen persoas actuando, incluído figurantes. O que leva peor Peinó son os problemas de axenda. Como todo o mundo traballa, hai que facer encaixe de bolillos para facerlle coincidir aos actores. Non gastan moito, di, porque aproveitan o que hai. O Pazo de Carrocide xa serviu de escenario en varios dos seus filmes. E non se arredan se hai que gravar escenas de verán en pleno inverno.

O obxectivo de conseguir que a película chegue ao público téñeno conseguido. No Valadouro non falla a taquilla cando proxectan un novo traballo. E soñar... Non soña. Di que para vivir do cine hai que ser moi bo: «Son cousas mediocres, pero gústanos facelas», asegura na súa modestia este director que tanto sostén o micro, como se pon diante de cámara, como escribe o guión.