«Hai que impulsar os proxectos que axuden á comarca a medrar»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

Leva pouco máis dun mes como deputada no Hórreo e di que o nivel de contacto cos cidadáns é máis satisfactorio na actividade municipal

03 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Herminia pouso maneiro parlamentaria do partido popular

«Na actual situación hai que estudar unha reorganización territorial»

«Preocúpame que haxa actuacións que queiras levar adiante e teñan que agardar»

Coñece ben o funcionamento das entidades municipais a nivel administrativo polo seu traballo como tesoureira no Concello de Porto do Son, pero a actividade política resultáballe allea. No 2007, Herminia Pouso Maneiro aceptou o reto de converterse en voceira do goberno ribeirense. A súa dedicación e capacidade de traballo non pasaron desapercibidas na executiva do PP e acabou formando parte das listas nas últimas eleccións autonómicas. Dende o pasado 18 de decembro é parlamentaria na Cámara galega, sen abandonar o traballo no eido municipal. Está na comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, aspectos que domina ben polo seu traballo.

-O cambio entre o Parlamento e o concello ten que ser grande.

-É moi distinto. Existe menos contacto directo coa cidadanía de xeito individual, pero móveste con colectivos que representan á sociedade. O nivel de contacto cos veciños é máis satisfactorio na actividade municipal. Cando logras resolver un problema ou poñer en marcha un servizo demandado sentes unha gran satisfacción, claro que tamén hai frustración cando non podes atender as solicitudes.

-¿E de cara a defender os intereses da comarca?

-No Parlamento podes presentar iniciativas e estás en contacto con conselleiros e directores xerais, polo que tes maior facilidade para facer un seguimento directo das necesidades formuladas e da súa evolución para acadar o obxectivo proposto.

-¿Con tanto recorte non sinte certa frustración?

-Sentes frustración porque tes que recortar onde non che gusta, como na inversión. Preocúpame que haxa actuacións que queiras levar adiante porque non necesarias e que teñan que agardar. O certo é que temos uns límites de déficit que hai que cumprir e non se pode gastar máis do que se ingresa. Este é un aspecto básico.

-¿Ten algún obxectivo?

-O máis importante para min é saír do burato no que estamos. O que máis me preocupa é o desemprego, especialmente o dos mozos, iso é polo que temos que pelexar. Hai que impulsar os proxectos que axuden á comarca a medrar, aquelas iniciativas que poidan contribuír ao seu desenvolvemento e que nos vaian dar máis opcións de crecemento. Hai que pelexar aínda que haxa restricións. Eu non son partidaria das subvencións, senón de proporcionar medios aos emprendedores, de facilitarlles as vías de financiamento.

-¿Corren perigo os proxectos previstos para Ribeira?

-Os que están en marcha non, e descoñezo a evolución que haberá dentro dun par de anos. Se a actividade económica non se reactiva pode que haxa proxectos de futuro que se vexan afectados. Para iso se traballa, para cumprir os obxectivos e lograr que o crecemento non se vexa paralizado. No Concello temos un proxecto moi importante, o Ribeira Atlántica, que vai supoñer un gran cambio e que inclúe actuacións nas parroquias. Tamén está a construción da lonxa, que é vital nun porto pesqueiro coma este que medra na descarga de peixe fresco.

-¿Que é necesario a nivel comarcal?

-Os novos centros de atención á infancia e maiores, a variante de Portosín, o saneamento integral das rías, para non poñer en risco os sectores pesqueiro e marisqueiro, e a mellora das vías de comunicación. Estas son cuestións nas que se está a traballar e que considero que son esenciais.

-¿É partidaria da fusión de concellos?

-Sempre e cando os concellos estean de acordo pode ser positivo. O que está claro é que na actual situación hai que estudar unha reorganización territorial que pode que non teña que pasar necesariamente por fusións. E, nos casos nos que haxa fusións, iso non debe implicar que os servizos se distancien dos veciños.

-¿Mancomunar servizos tamén pode supoñer un aforro nestes tempos de crise?

-Se mancomunas servizos sempre logras mellores prezos e, incluso, mellor calidade. Na mancomunidade de concellos Arousa Norte hai varias propostas neste campo e nas que se está a traballar.

-¿Están os políticos á altura das circunstancias nestes momentos tan delicados para unha parte importante da poboación?

-A maior parte dos políticos están á altura das circunstancias e comprometidos coa resolución dos problemas que afectan á cidadanía. É certo que a cidadanía está crispada é indignada, pero a actividade política é necesaria para resolver os problemas e non se pode meter a todos os políticos no mesmo saco. Na política sucede como en todos os ámbitos da vida.