En prol das boas práticas agrícolas

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

Un obradoiro de saúde ambiental do Cabe organizado pola asociación o pasado outubro.
Un obradoiro de saúde ambiental do Cabe organizado pola asociación o pasado outubro. Alberto lópez < / span>

O Colado do Vento pretende crear este ano unha horta experimental

16 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A asociación cultural O Colado do Vento, que renovou a súa xunta directiva a pasada fin de semana, ten previsto impulsar este ano un proxecto de agricultura experimental. A súa intención é crear unha horta comunal que se cultivará con métodos tradicionais, coa idea de servir como exemplo do interese que pode ter hoxe a recuperación das antigas práticas agrícolas no sur lucense. Os promotores do proxecto defíneno como un «obradoiro de boas práticas agrícolas no marco dun modelo agroecolóxico».

Alfonso Campos, o novo presidente da asociación, puntualiza que o proxecto se encontra aínda nun estado moi prematuro. Para comezar, aínda falta por encontrar un terreo adecuado para os cultivos. «Queremos recuperar algunha horta abandonadada e supoñemos que non será moi difícil porque na comarca hai moitas fincas nesas condicións, pero aínda temos que dar con ela», sinala.

Unha vez que se dispoña do terreo adecuado, elixiranse varios voluntarios para ocuparse do cultivo da horta. A asociación conta con varios membros que traballan en actividades relacionadas coa agricultura, de maneira que o asesoramento técnico está asegurado. «Pero pretendemos buscar tamén os consellos de xente maior ou non tan maior que coñeza ben os sistemas tradicionais de horticultura», apunta Campos. «Se non tardamos moito en conseguir unha horta que nos sirva para o proxecto poderíamos comezar a traballar xa para primavera, pero se non é posible agora, deixarémolo para un pouco máis adiante», engade.

Métodos artesanais

Para cando o proxecto esté máis avanzado, a asociación prevé tamén organizar unha serie de obradoiros de métodos artesanais de elaboración de pan, de alimentos en conserva e outras actividades similares. Ao seu parecer, a recuperación de todas estas práticas pode ter un especial interese no contexto da actual crise económica.

Aínda que unha boa parte das súas actividades está relacionado coa conservación e divulgación do patrimonio histórico, a asociación tamén ten promovido iniciativas relacionadas co medio ambiente, como un obradoiro didáctico desenvolvido o pasado outubro no que se fixeron controis da calidade biolóxica do curso do Cabe en Sober e Monforte.