Así anda o tempo

FIRMAS

Un pouquichiño, pero aí están os días querendo medrar. Aínda non botaron o frío fóra pero a raxeira, cando vén, semella unha benzón. Sen embargo, non nos enganemos, xa o refrán advirte que a flor de xaneiro non enche o celeiro, e neste mes, sexan brotiños ou floriñas do monte, só son unha esperanza de incautos que non dá froito, e como dicía Machado «todo queda e todo pasa». ¿Que querería dicir?.

Como queira que sexa, hoxe lembro un deses mitos dos gregos con múltiples lecturas, de cando Helio, cada amencer, collía o seu carro para pasear o sol pola bóveda celeste, levando luz e calor á humanidade. Un ben polo que o deus era adorado por todas as xentes, fosen crentes ou non, e envexado polos seus colegas do Olimpo. Grazas ó seu labor el facía e desfacía, repartía e negaba favores, e non lle faltaban propostas para que lles cedese ou vendese parte do negocio a algún dos seus veciños no divino monte, a fin de beneficiarse da ampla devoción que, por medo ou por gratitude, el gozaba con amplos rendementos.

A envexa por tan próspera empresa non era só cos de fóra, e certa noite, cando Helio ceaba despois dun día levando os bens solares polo firmamento, a esposa díxolle que o seu fillo, Featonte, quería aprender a conducir o carro.

-Diso nada -dixo el- ese o que quere é presumir diante das mozas, e este coche non é un xoguete.

Sabendo dos problemas que a condución de tal vehículo conlevaba, para non discutir deulle largas e recomendoulle agardar a que o rapaz madurase. Pero o cativo, ansioso por presumir diante dunha panda de ninfas, insistía e a nai apoiábao e rogáballe ó esposo para que cedese, que se non lle deixa tampouco saberá de que é capaz, e ó final, levar un carro só é cuestión de aguantar as rendas, que o resto son os cabalos os que tiran del.

Helio non estaba moi convencido, pero acabou cedendo, e no albor, Featonte subiu ó carro, empuñou as rendas e comezou a subir a bóveda celeste, sen decatarse de que aquel non era un carro calquera, a carga era moita e moi delicada e ó cativo faltáballe experiencia. Había momentos nos que os animais corrían aguilloados por un tirón e outros nos que freaban ou se empolicaban, ían para a dereita e logo para a esquerda sen un orde lóxico, de tal xeito que, desde a terra, a xente pensaba se o deus do sol non tolearía, porque andaba facendo eses polo firmamento adiante, porque agora acercábanse tanto que os abrasaba, e logo afastábase tanto que todos morrían de frío. Os devotos paisanos chegaron a pensar que se acababa o mundo e non sabían a quen habían de rogarlle para que rematase aquela loucura celeste. De súpeto meteron a todo o Olimpo en empeño, fixéronse rogativas, sacrificios e penitencias, e as pregarias chegaron ó mesmísimo Zeus que, vendo como aquel carro non respectaba as mínimas normas de conducción, mandoulle un raio que o esnafrou.

Pero aínda hai veces nas que Featonte colle o coche sen permiso e así anda o tempo como anda.