Pensa que a recesión espertou a capacidade emprendedora
09 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Leva desde o ano 2006 asesorando aos mozos de Boiro desde a Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada no centro social. Neste tempo, Marga Sampedro asistiu ao cambio que se produciu nas necesidades e demandas dos usuarios deste servizo, unha variación motivada fundamentalmente pola crise económica. Asegura que, de seren suxeitos pasivos, os mozos da localidade pasaron a ter ansias de seren beneficiarios directos e mesmo protagonistas das actividades promovidas.
-¿Que actividades ou proxectos destacaría destes seis anos á fronte da oficina?
-O primeiro gran proxecto, que estaba na súa etapa de esplendor cando eu cheguei ao centro social, foi Leñaverde. Logo, destacaría Boiroverde, que xurdiu hai un par de anos e que está a funcionar moi ben e, xa nestes últimos tempos, temas de emprendemento.
-Aquel primeiro proxecto, Leñaverde, ¿dáse xa por desaparecido?
-Non exactamente, o que ocorre é que cambiou a nosa perspectiva. Nesta etapa estamos dedicados á creación, pero no eido do emprendemento, pois consideramos que é unha cuestión máis necesaria na actualidade. Ademais, desde o centro social tratamos sempre de levar adiante actividades innovadoras, que non se solapen coas de outros servizos culturais do municipio.
-¿En que está a traballar agora o colectivo Boiroverde?
-Nestes intres está coa campaña de elaboración dunha base de datos de persoas interesadas en compartir coche e en breve seguirá coas plantacións de árbores, tanto na zona urbana como no monte. Tamén temos en mente facer un terceiro calendario coa axuda das persoas maiores.
-No eido do emprendemento, ¿que teñen en mente?
-Estamos inmersos en actividades formativas impartidas por emprendedores da comarca, sempre coa idea de que teñan unha visión útil. O ano pasado fixemos xa cursos de repostería e moda creativa. O noso obxectivo é desenvolver cada mes un obradoiro. A maiores, as exposicións no centro social irán nesta liña. O mes que ven, a costureira Eva Outeiral amosará os seus traballos e impartirá un curso.
-¿Ve gañas e entusiasmo na mocidade de hoxe en día?
-O certo é que si. Agora mesmo estou a traballar cuns rapaces interesados en dinamizar as pistas de skate e véxoos entusiasmados. Creo que teñen ideas e tamén gañas. Pretendemos crear un colectivo relacionado coa cultura urbana, co fin de que no verán se poida levar a cabo un festival e algunha intervención.
-¿Como influíu a crise na mocidade?
-Penso que a crise serviu para potenciar as cualidades dos mozos, que foi a escusa que os levou a autocrear e a reinvertarse co obxectivo de atoparen unha saída laboral. De feito, pasamos dunha época na que os mozos demandaban actividades culturais a un período no que demandan formación e incluso impartir obradoiros.
marga sampedro técnica do centro social boirense