En canto entramos na pequena sala de estar, o xefe disparou a pregunta, a pesar de que podía ler a resposta nas nosas caras. O xefe sempre fora moi bo para esas cousas.
-Matástelo?
-Pois...
-Merda, merda! Díxenvos que non o fixerades!
-Pero xefe, ao final...
-Non quero escusas, joder!! Sabedes que van vir por nós agora, debería... aquí mesmo! -o xefe sacou o revólver mentres falaba e apuntou á cachola de Gus. Sempre se poñía moi nervioso cando os plans non saían exactamente como el quería.
-Cálmese xefe, matamos o Gato, si -o xefe martelou o revólver- pero é que os matamos a todos.
O xefe baixou a arma e miroume cos seus ollos amarelentos.
-A todos? A Lazlo tamén? Como carallo iades matar vós a Lazlo? Non o creo.
-Que si, xefe. Todos mortos. Dillo ti, Gus.
A pesar da ameaza, Gus mantiña a súa habitual cara de póker.
-Si, si, Lazlo nin se deu conta do que pasaba. Pam, en todo o estómago.
Prendeu un pitillo mentres falaba.
-E Rizzoli..?
-Rizzoli foi o primeiro que nos cargamos. No seu propio piso, ademais -e fixen o xesto de disparar cunha escopeta.
-Pero isto é extraordinario! Moi ben, rapaces! Sabía que podía confiarvos o traballo.Temos que celebralo! Colle o Cardhu aí!
-Grazas, xefe, mais estamos algo cansos, será mellor que nos retiremos xa. Mañá traemos o botín completo; gardámolo nun piso franco do Bowery.
-Veña home, unha copa! Á saúde de Rizzoli! Ha, ha, ha! -o xefe cambiara radicalmente de expresión e achegábanos as copas de whisky.
-Vale, un grolo entón.
-Polos inimigos caídos! -brindou o xefe.
-Por Lazlo -dixen eu.
-Si, por Lazlo. E por Rizzoli.
Despois de dúas copas máis que apuramos todo o que puidemos, baixamos do edificio, deixando o xefe só coa súa cocaína e co seu Cardhu, e dirixímonos ao coche.
-Oe, Lewis, ti cres que foi boa idea isto? -Gus ás veces poñíame nervioso coa súa inseguridade.
-Que si home, en dous días estamos fóra do país cos cartos.
-E seguro que van vir? Estariamos nunha situación certamente incómoda en caso contrario.
-Que si, pesado. Despois do cristo que fixemos co Gato teñen que vir a collóns.
-E nós a onde imos?
Uns homes dobraron a esquina. Eran eles.
-Coidado, agóchate!
Cando os homes por fin entraron no edificio, arrinquei o coche e saímos a escape de alí.
-Pois nós ímonos a Francia.
-Francia? A ninguén lle gusta Francia! Nin sequera se pode pedir unha hamburguesa decente, joder!
Ao meternos na estrada que saía da cidade, oímos varios disparos procedentes do piso do xefe.
Lois Agrelo Arxóns
Ten 21 anos, estuda Filoloxía inglesa na USC. Colabora con Casa da Gramática, Alameda, NEIN, entre outras. theganjapapers.blogspot.com. Twitter: @jodidoavogado