O autor afincado en Corcubión acaba de gañar a vixésima quinta edición do certame Eusebio Lorenzo Baleirón
04 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que concede o Concello de Dodro, viaxa na súa vixésimo quinta edición cara a Costa da Morte. De entre os 38 traballos presentados, os membros do xurado decantáronse por unanimidade por Viaxe ao interior da fenda, a nova obra de Serxio Iglesias Rodríguez (Bos Aires, 1966), poeta, veciño de Corcubión e profesor do instituto Fernando Blanco de Cee.
-¿Contaba con gañar este premio?
-Cando un se presenta a un premio sempre ten a pequena ilusión de que pode gañalo, pero por outra banda pensaba que era moi difícil porque estamos nunha terra de moitos e moi bos poetas e entón era bastante complexo. Pero tiven sorte e aí está o premio.
-O xurado di que o libro «ten a capacidade de reescribir unha temática universal como é a perda».
-Coincido na diagnose. A literatura, e en concreto a poesía, sempre anda dando voltas aos mesmos temas. A perda, as carencias, aquilo que imos deixando no camiño bríndase a unha indagación, a unha visita ao noso interior. Viaxe interior á fenda é unha viaxe a territorios imaxinarios e a territorios certos que marcaron a nosa infancia, pero tamén ás feridas, ás fendas, á incomunicación... É unha pequena viaxe arredor de todos estes temas universais.
-¿Como valora a situación actual da poesía nesta comarca?
-Galicia tradicionalmente foi terra de moitos poetas. A poesía formou parte da nosa identidade cultural desde a Idade Media e tamén no século XIX coas voces de Rosalía, Pondal ou Curros. Hai territorios que exploraron con maior agarimo o mundo poético e non cabe dúbida de que a Costa da Morte é un territorio lírico en si mesmo e está ben representado poeticamente nas súas voces. Hai e houbo moitos e moi bos poetas.
-¿Xa ten algún proxecto novo?
-Ando en algunhas cousiñas. Desde hai bastante tempo teño a idea de centrarme algo na narrativa, o que pasa é que é un traballo máis espeso, que require máis tempo, polo menos para min que non son narrador.
-¿Como profesor e poeta é capaz de transmitir aos alumnos a importancia das palabras?
-Ese é o gran desafío dos mestres de letras e linguas. É certo que nos últimos anos vense perdas significativas nas formas redactoras dos rapaces porque estamos nunha época na que o visual ten máis importancia que o escrito e na que temos pouco acougo para ler con calma. O traballo do profesor é facer ver que as palabras son a pintura que dan cor á nosa linguaxe, e esta é a expresión da intelixencia. Aínda que custe traballo, os rapaces están dotados dunha gran sensibilidade e cando notan a beleza transmitida coas palabras valórana.