A revista «Lucensia» divulga o labor lingüístico do cura Daniel López
29 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.En 1914 publicouse na cidade mexicana de Mérida, capital do estado de Iucatán, unha gramática do idioma maia que presenta a particularidade de ter sido escrita por un sacerdote galego, o entón presbítero Daniel López Otero, natural de Guntín de Pallares. O libro, titulado simplemente Gramática maya, continúa sendo unha obra de referencia entre os especialistas nesta lingua indíxena falada en México, Guatemala e Belice. Porén, este importante traballo é moi pouco coñecido na terra natal do seu autor.
Un sobriño neto do sacerdote, Jesús López Seijas -antigo empregado de banca e profesor particular afincado en Monforte desde 1968- traballa desde hai tempo para divulgar a súa vida e obra. Con tal motivo viaxou a México e Cuba, onde discorreu boa parte da vida deste relixioso e intelectual. Para reconstruír a traxectoria do seu tío avó entrevistouse, entre outras persoas, co cronista oficial de Mérida, o historiador Juan Francisco Peón Ancona. A revista cultural Lucensia acaba de publicar dous artigos -un deles asinado por López Seijas- sobre os traballos língüísticos de Daniel López.
Comunicarse cos fregueses
López Seijas non sabe exactamente cando o seu tio avó comezou a estudar a lingua maia. «Foi ordenado sacerdote en 1904 e algún tempo despois enviárono á vila de Maxcanú, no Iucatán, pero non sei se polo medio estivo destinado nalgún outro lugar», explica. «O caso é que a maioría dos habitantes de Maxcanú eran e son indíxenas de lingua maia e el decidiu aprender o idioma para comunicarse mellor cos seus fregueses», engade.
Sábese tamén que Daniel López comezou os seus estudos de maia cun profesor chamado Andamaro Malián de Solís. Presumiblemente tamén aprendeu moito na observación directa da fala dos campesiños da rexión. Para compor a súa gramática baseouse nalgúns traballos anteriores, especialmente nun tratado escrito no século XVIII por frei Pedro Beltrán de Santa Rosa María, o primeiro gramático nativo do Iucatán. «Pero el fixo as súas propias achegas como investigador, sobre todo na cuestión das irregularidades verbais, que estaban moi pouco estudadas», apunta Jesús López.
Para Daniel López Otero debeu supor sen dúbida un considerable esforzo asimilar en poucos anos un idioma totalmente alleo ás linguas europeas e decifrar as súas complexidades gramaticais. Pero o seu sobriño neto sinala que o sacerdote, ademais de posuir unha vasta cultura, mostraba un especial talento para o manexo dos idiomas. «Tiña un dominio moi bon do latín, por exemplo, e en Estados Unidos obtivo unha licenciatura universitaria en lingua inglesa», apunta.
Cando se publicou a súa gramática, López Otero remeteu un exemplar ao seminario de Lugo, en cuxa biblioteca foi localizado recentemente a raíz das investigacións do seu sobriño. Outro exemplar foi enviado no seu día á Biblioteca Vaticana.