«A necesidade de transformar a realidade é unha razón de vida»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

Aínda que exerce como mestre e está involucrado en colectivos como a Anpa do instituto e a escola de música de Rianxo, que por certo, preside, Tobías Betanzos é por riba de todo político. Dunha conversa con el non é difícil extraer que esa é a súa verdadeira vocación. Puidera semellar o contrario, polo sosegado das súas verbas, pero este nacionalista é dos reivindicativos, dos partidarios do debate, iso si, sempre dentro dun clima de diálogo. Nas súas palabras hai pouco de crítica e moito de idealismo.

Recoñece que o mundo da política, que coñece á perfección despois de case trinta anos como militante e unha década formando parte da corporación rianxeira, está cheo de «desgustos e sinsabores». Aínda así, el ten claro que non o abandonará ata que morra: «A necesidade de transformar a realidade é unha forma de vida, un sentir que eu vou ter sempre».

Tobías Betanzos defende con uñas e dentes a aqueles que, coma el, un día decidiron tratar de mellorar o eido que os rodea a través da política e non quere nin oír falar do desprestixio xeral que sacode esta actividade: «Irregularidades hainas en todos os ámbitos da vida, pero semella que agora interesa sacar á luz e insistir nas dos políticos. Das irregularidades das que non se fala é de outras que, no que ao meu tempo se refire, cometiamos todos os membros da corporación, como perder de descansar, de durmir e de atender ás nosas familias».

Añoranza do pasado

Este rianxeiro non dubida en afirmar que a política, polo menos a nivel local, «é enormemente sacrificada». El lembra a súa etapa como concelleiro como unha época de moitísimo traballo: «Tiña clase en horario partido e moitas veces regresaba pola tarde á escola sen comer». Pese ao sacrificio, as lembranzas de Betanzos flúen cargadas de añoranza: «Foi unha época moi fermosa, polo que non me arrepinto para nada do esforzo, ao contrario, deséxolle a todas as persoas que están no eido político, traballando con honradez, os maiores éxitos; pois eu doume conta do enorme traballo que supón o eido local».

Daquela época como político activo, lembra sobre todo o clima de diálogo e colaboración que existía na corporación de Rianxo: «Eu estiven favor das propostas e dos debates que contribuíron a mellorar algúns aspectos do pobo. Sempre tiven unha postura razoable e de colaboración co goberno». Defínese como unha persoa conformista, pero a Tobías Betanzos quedoulle algunha que outra espiña cravada do seu paso pola corporación: «Penso que houbo un problema que non fomos quen de resolver, a ordenación urbanística. Si me gustaría que esta cuestión tivese quedado resolta na miña época».

Satisfeito de en Rianxo se producira «un cambio necesario», que favorecese novas perspectivas e novas formas de traballar, a Betanzos non lle dá mágoa non estar nese equipo de goberno: «A min gústame axudar, pero quizais agora, pola idade, teño máis sentido da prudencia e da responsabilidade. Chega un momento en que a un lle aparece durmir, gozar do seu traballo e da súa familia».

O carácter reivindicativo deste rianxeiro chega a tal extremo que non pode deixalo de lado nin á hora de elixir o seu recuncho. Argumenta que o casco urbano de Rianxo ten un sinfín de espazos agradables, pero quédase con un cargado de simboloxía, o lavadoiro de Río de Sima: «Fai referencia ao traballo da muller e, desde este escenario, quero solidarizarme con elas e reivindicar a necesidade de que teñan un traballo xusto».

Tobías Betanzos

52 anos

Mestre

O lavadoiro de Río de Sima, «un espazo co que pretendo solidarizarme coa necesidade dun traballo xusto para a muller»