«É raro o caso dun maltratador que chegue a arrepentirse»

E.V.PITA VIGO / LA VOZ

FIRMAS

A xuíza de malos tratos di que a violencia na casa é «cultural»

24 nov 2012 . Actualizado a las 07:15 h.

Paz Filgueira, nada en Ribeira hai 40 anos, dirixe o xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo dende febreiro. Fixo estudos de Dereito en Compostela e pasou polos xulgados de Lalín, Ferrol e Santiago. Está en contra de tecnicismos como a palabra perfil da maltratada. Nestes nove meses, a súa sala recibiu un volume alto de entrada de asuntos. «Aquí acabamos cada ano con 1.400 xuízos rápidos», di.

-¿Cal é a súa conclusión desde que está neste xulgado?

-A miña conclusión é que das mulleres prexudicadas, só o 50 por cento quere continuar coa denuncia.

-¿E cómo pode ser isto?

-Moitos casos xorden porque chegan cun parte médico ou é un veciño o que ve a pelexa e chama á policía. Podemos dicir que o 40% das denuncias son alleas á muller, chegan por xente que ve unha rifa e chama. Pode ser certo ou non pero nós facemos a investigación inda que se a testemuña dos feitos é directa xa non a facemos. Noutros casos facemos pescudas.

-No caso de ditar unha orde de afastamento, ¿estanse a cumprir?

-Cúmprense no 90 por cento das ordes, apenas hai incidencias.

-E agora que xa non está a casa da muller maltratada, ¿como fan para dar protección?

-Aquí está o centro de emerxencias da muller, que dá unha acollida directa e rápida por parte do Consorcio. Trátase dunha tutela directa e efectiva.

-Vostede ve cada día casos de violencia sobre a muller. ¿Que pensa do que está a pasar?

-O que eu vexo no xulgado é que o problema vén da sociedade porque hai unha situación de desigualdade. Se miramos a unha muller no ámbito social, laboral, económico, e digo estas palabras en grande, estamos posiblemente ante unha situación de desigualdade entre sexos, hai situacións que no caso do varón non se produce. O que vemos é que moitas mulleres caen nunha dependencia económica respecto á súa parella porque moitas non teñen traballo, ou obteñen contratos a tempo parcial ou teñen menores ao seu coidado que lle fan imposible estar en igualdade de condicións respecto ao varón. Son dependentes e aquí vemos que nestes casos non se parte dunha situación de igualdade.

-E inda por riba, coa crise, se cadra han medrar os casos de malos tratos.

-Pois ocorre que este ano temos máis casos que o ano pasado, nos que tamén houbo crise. Os problemas económicos son determinantes pero non todos rematan en violencia.

-¿Cal é o perfil do maltratador? ¿Ten algún tipo de enfermidade?

-Non me gusta nin emprego a palabra perfil. O maltratador é alguén totalmente normal, sen doenza psíquica ningunha. Pode que o 2 por cento teña algún trastorno psíquico.

-E logo, entón ¿cal é o problema da violencia no fogar?

-Eles compórtanse así porque estamos ante unha cuestión cultural e emocional, eles ven a vida así. E a proba é que no tramo de 20 ou 22 anos de idade é difícil que veñan por aquí. O maltrato ten as súas bases en algo cultural, educacional e social, polo que eu vexo.

-¿E aquí no xulgado chegan arrepentidos do que fixeron?

-De ningunha maneira, non teñen arrepentimento ningún e non comprenden por que é a súa infracción penal. É raro que cheguen a arrepentirse.

-Había un debate para que os maltratadores fixesen un curso.

-Non temos nada previsto de cursos, só a execución da condena pola vía penal.

-Entón, ¿isto cómo se arranxa?

-Se o conflito ten unha raíz social é a sociedade a que ten o problema. O xulgado ten unha función represiva, non digo que isto axude a que estes casos non volvan a suceder, o que sei é que o problema ven de antes.

-¿E que mensaxe lle mandaría a unha vítima de malos tratos?

-O primeiro é que vaia solicitar información nos servizos que pon a súa disposición o ordenamento legal. Recoméndolles que se asesoren ou pregunten á policía porque o seu caso non ten por qué acabar nun xuízo.