Arte como documento

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

Diante dunha obra de arte, o primeiro que miro é o detalle con que foi executada, pero logo trato de encontrar o seu significado, déixome levar ata a época en que foi feita e penso na importancia que tiña, por exemplo, no mal chamado século de ouro, representar a unha vella fritindo ovos ou a un paisano de capa raída vendendo auga e que houbese quen lla mercase, como lembraredes dos famosos cadros de Velázquez. A arte tamén é documento.

Teño diante de min un cadro do artista palmeirán Domingo Regueira, que me foi regalado hai máis de vinte anos, despois de falarlle del, precisamente, como dun documento. O cadro mostra no centro da escena un porco grande e gordo, desafiante coma un touro, e arredor del toda a veciñanza, entre asustada e eufórica. Alí está a vella que leva o banco á cabeza, un paisano cun feixe de leña debaixo do brazo, o matachín que, coitelo en man, desafía a investida do animal, e máis aló alguén cun pau tratando de guialo entre a masa de xente que se perde nos extremos do cadro coma unha masa de puntos sen forma nin definición, pero cada figura encerra unha historia particular.

O porco semella rir. As orellas parecen os cornos dun touro, intencionadamente ben pintadas pola vea humorística do autor. Nesta escena retrátase o animal momentaneamente triunfador contra o fato de paisanos que ansían darlle morte. A multitude que o rodea non se distingue moito do barulleiro público dunha praza de touros durante un encerro, pero como nós non somos de touradas, podemos interpretar que os asistentes pintados por Domingo non celebran a loita entre un tipo ben equipado e un animal indefenso, senón a fartura que se cría durante todo o ano e fomenta a esperanza dun pobo. Pero como esta é un ser vivo, rebélase contra o seu destino. A fortuna sempre foi moi escorregadiza.

Véndoo calquera pode lembrar as caseiras matanzas que enchían de carne as arcas e os baños como se fosen os cofres do tesouro, as festas que en tal día se organizaban co sangue encebolado, o fígado e o raxo fritido, co matachín ocupando a cabeceira da mesa, porque el era o home máis importante da festa. E logo o reparto de anacos de fartura ós veciños para que todos celebrasen a regalía. Pero neste cadro de Domingo, ademais dos datos económicos que evoca, tamén se representa un feito real, a famosa matanza dun portentoso porco ocorrida en Palmeira nalgún ano de moita fame e necesidade, que logo saíu nos cantares das murgas e cincerradas para enriquecer a nosa oralidade, na que o cocho, mantido con todo o mimo e agasallo polos seus propietarios, cando xa o tiñan listo, suxeitado e co coitelo cravado, saltou do banco onde, segundo as coplas, eran 25 para aguantar del, e coa arma mortal metida no peito fuxiu e botouse a nadar, e tiveron que ir na súa procura ó medio da ría. Pero ó final, o porco acabou sacrificado en favor da familia que o criou, e durante moitos meses, o seu touciño foi exposto para que todos visen a fartura que tal deu.

O dito, que a arte, máis ca monumento é documento.