O colexio de Cea foi o único ourensán premiado no OUFF Escola
07 nov 2012 . Actualizado a las 06:00 h.O Festival de Cine Internacional de Ourense acolleu onte a entrega dos premios da cuarta edición do OUFF Escola. Unha cita que se viu afectada polos recortes das axudas da administración, o que se traduciu nunha menor promoción da convocatoria e, como consecuencia, menos traballos a concurso. Neste cuarto OUFF Escola participaron 57 equipos de traballo, formados por 1.090 alumnos, dos que 46 eran de ensino secundario e 11 de infantil e primaria. Aínda que a práctica totalidade de traballos eran de orixe galega 2 procedían de Portugal e un do Bierzo -este último porque poden participar centros escolares daqueles lugares onde se imparten clases de galego-.
Na categoría referida aos traballos de infantil ou primaria o primeiro premio foi para o colexio Mestre Valverde de Mayo (Mos) por Maxín. O centro rural A Lagoa (Salvaterra de Miño) recibiu o segundo premio por A tartaruga que sempre quería durmir. O Blanco Amor ao Mellor Guión foi para A lenda da creación do Miño, do centro Sek Atlántico (Poio). Os premios Ponte nas Ondas e do público foron para A minha avó...contame-me uma historia, do Colexio Externato Paulo VI (Sâo Cosme de Gondomar, Portugal).
No apartado para traballos de centros de «Secundaria e outros niveis de ensino non universitario» o primeiro premio foi para o instituto de Chapela (Redondela) polo traballo Eu falarei. Os alumnos do García Barros, de A Estrada, levaron o segundo premio con Pedigree e a peza Luz, do colexio María Asumpta (Noia), foi recoñecida co Premio do Público e Blanco Amor ao Mellor Guión. Concedeuse unha mención especial do xurado para o traballo Unha cuestión de educación, do centro de ensino Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea.
Aposta de Política Lingüística
O OUFF Escola é un proyecto do festival de Ourense e Política Lingüística para promover o idioma a través do cinema. Na entrega dos premios aos respectivos centros escolares participaron Agustín Fernández, Rogelio Martínez, Valentín García, Ana Garrido, Marga Martín e Mercedes Gallego.
Programación do festival
O OUFF ofrece pases de Little thirteen, Roza e a terceira sesión do ciclo América Latina ás 18.00 horas. Ás 20.30 poderanse ver no Cinebox Room 514, Volcano e terceiro bloque do ciclo adicado ao Cine Europeo e pola noite, ás 23.00 horas, proxectaranse Can, Historias que só existem quando lembradas e The last friday.
Nas actividades paralelas inclúese o encontro A primeira vez, cos directores Simone Saibene e Aitor Rei (11.00 horas).