Pobreza enerxética

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

Nunca entendín como os primeiros homínidos deixaron a caloriña africana para asentarse en lugares tan inhóspitos como Noruega ou Islandia. E hoxe, cando estou de volta da montaña luguesa, envolto en luvas, bufanda e gorro, aínda o entendo menos. Claro que daquela había outros motivos para asentarse en novos territorios; pero agora que xa estamos afeitos, cada quen ó seu lugar, e que a tecnoloxía se puxo ó noso dispor para solucionarnos os problemas de adaptabilidade, encontrámonos cun novo concepto de negación do benestar: a pobreza enerxética, que podemos definir como a incapacidade que se ten para manter un fogar en condicións idóneas de habitabilidade.

O frío tráenos ó presente a precariedade enerxética que nos rodea, a súa carencia e carestía, e asemade a dependencia que temos dela, sobre todo agora que o paro camiña en progresión xeométrica e os logros sociais que fomos acadando paseniñamente desde hai máis dun século diminúen na mesma proporción.

Hai uns meses souben dun estudio presentado pola Asociación de Ciencias Ambientais, advertindo no ano 2010 de que había un 12% de fogares españois con problemas para costear as necesidades enerxéticas básicas, e que ía en aumento. Trasladado o cálculo a individuos, falamos de arredor de cinco millóns de persoas que vivían dentro deste tipo de pobreza, de persoas que senten frío e non teñen roupa que lles chegue, saen á rúa para estar máis a gusto ca na propia casa, déitanse cedo para aforrar estufa e érguense tarde para non incrementar a tarifa eléctrica, e a cifra sube como sube a do desemprego e a dos recortes, porque dalgún xeito ambas van unidas, en razón directa co salario, coa calidade da vivenda e co cada vez máis caro prezo dos combustibles, o que finalmente inflúe na saúde e no risco de endebedamento.

A enerxía pasou de ser un ben a unha necesidade, pero dun tempo para acá converteuse tamén nun luxo que non está ó alcance de todos, e polo que, alí onde volven os carros de leña a percorrer os camiños, co fin de alimentar as recuperadas caldeiras de ferro fundido ou as lareiras de aldea, míranse como lugares afortunados. Non me cabe dúbida de que, a moito non tardar, algún agoireiro iluminado promoverá o uso de velas e quinqués como un sistema de aforro, e quen sabe se aínda non nos acabarán falando mal da radiación producida polas bombillas para que abandonemos ós sistemas lumínicos actuais e volvamos á torcida de saín ou sebo.

E mentres seguimos pagando guerras co sobrecusto do petróleo, as fontes de enerxías renovables fican no caixón das cousas imposibles. Certo que a volta á leña axuda a limpar os montes, como dirán algúns conformistas, e é mágoa que non se poida usar a ramalla para quentar as caldeiras de Alcoa -digo eu-, que a moito non tardar, se non lle axustan o prezo da electricidade, terán que pechar o negocio, deixando no paro a varios miles de paisanos de San Ciprián e da Coruña, e iso tamén é pobreza enerxética.