Un lustro en pos dos lemavos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

A falta de escavacións atrasa o estudo do castro achado en Monforte no 2007

01 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A denegación por parte da Xunta do obradoiro de emprego solicitado polo Concello de Monforte para escavar e acondicionar o castro de San Vicente do Pino atrasará máis a investigación deste antigo asentamento descuberto hai agora un lustro, no outono do 2007. O interese que ofrece este xacemento, porén, segue aumentando grazas ao estudo dos restos arqueolóxicos e dos datos conseguidos nas únicas sondaxes realizadas ata agora na zona, entre o mencionado ano e o seguinte.

A descuberta do castro reviste un peculiar interese histórico porque reforza os argumentos dos que defenden que o monte de San Vicente é o célebre Castro Dactonio, capital do pobo dos lemavos, que foi mencionado por Plinio e outros autores clásicos. Os arqueólogos, non obstante, pensan que esa é unha cuestión menor que non engadiría moitos datos novos ao que xa se sabe hoxe sobre a organización da sociedade da época castrexo-romana. Pero os materiais encontrados nas sondaxes suxiren que unha escavación sistemática proporcionaria moitas informacións valiosas sobre a que parece ter sido unha das poboacións máis importantes de Galicia na época castrexo-romana.

Restos de construcións

Naquelas catas arqueolóxicas, que só abranxeron unha superficie de 36 metros cadrados, apareceron diversos restos de vivendas, rúas e outras construcións que mostran a existencia dunha trama urbanística coidadosamente planificada. O arqueólogo Iván Álvarez, que se encargou da dirección dos traballos, apunta que naquela época a ladeira do monte onde se encontra o parque Zapardiel presentaba un aspecto totalmente diferente do actual. «A pendente estaba escalonada mediante aterrazamentos parecidos aos socalcos vitícolas, sobre os que se construían as vivendas», explica. As casas estaban ordenadas ao longo de rúas ben trazadas que contaban cun pequeno canal central para drenar as augas. Nas sondaxes localizouse unha calzada de dous metros de anchura e outra máis que non se puido medir tranversalmente, da que se desenterraron sete metros de lonxitude.

Por outro lado, nas escavacións apareceu unha importante cantidade de pezas arqueolóxicas que na súa maior parte consisten en fragmentos de cerámica castrexa e romana. Entre estas pezas -recolléronse máis de 2.000- hai mostras da típica cerámica vermella romana coñecida como terra sigillata e das ánforas de tipo Dressel. Estes materiais, segundo indica Álvarez, corresponden aproximadamente a mediados do século I depois de Cristo. Na zona apareceron tamén un par de muíños de man.

A maior parte dos fragmentos de cerámica -como un 90% do total- apareceu concentrada nun único punto. Álvarez non encontrou aínda unha explicación para esta acumulación de materiais, algo difícil de facer sen realizar novas escavacións.