«Temos moitos recursos, pero o campo está desprestixiado»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

ALBERTO LÓPEZ

Núñez leva catro anos traballando con derivados da castaña e froitos silvestres

24 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Verónica Núñez, fundadora da empresa Caurelor, falará o venres na Casa de Cultura quiroguesa -ás 19.30 horas- sobre a súa experiencia como produtora de derivados da castaña e dos froitos silvestres. A súa intervención forma parte dun ciclo de conferencias sobre o aproveitamento dos recursos locais que organiza o Concello. Núñez traballa no seu proxecto empresarial desde o 2008 e elabora crema de castaña e diversos tipos de marmeladas.

-Na comarca só hai dúas empresas que elaboran derivados da castaña. ¿Por que non se animou máis xente a traballar con estes produtos?

-A verdade é que non o sei, porque aquí temos moitos recursos sen explotar que poden dar para vivir. A nós foinos moi ben desde que comezamos, pero ademais da castaña e dos froitos silvestres aquí pódese traballar con moitas outras cousas. A apicultura, por exemplo, que xa ten un desenvolvemento importante pero aínda podería dar máis de si. Ou criar cabras para elaborar queixos, cultivar e comercializar produtos da horta... Esta é unha zona moi rica en recursos deste tipo.

-¿Faría falta máis apoio por parte da administración?

-As axudas sempre veñen ben, pero penso que o máis importante é cambiar de mentalidade e de modo de vida. Traballar nestas cousas non é como ter un emprego nunha pizarreira, por exemplo, e recibir unha paga todos os meses, pero dá perfectamente para vivir. O que pasa é que o campo está moi desprestixiado e aínda que pareza unha parvada, hai moita xente que prefire facer calquera outra cousa antes que dedicarse a isto.

-¿Onde comercializan os seus produtos?

-Mais ou menos un 90% vai ao mercado galego. Tamén enviamos cousas a Madrid, Barcelona e incluso Estados Unidos, pero non nos metemos moito na exportación porque traballamos só con produtos de elaboración artesanal e a produción é limitada. Se alguén se animase a desenvolver unha produción máis industrializada con estes materiais, podería exportar con moita facilidade, porque hai demanda de sobra. A nós pídennos con frecuencia bastante máis do que podemos producir.

-¿Élle útil Internet para a comercialización?

-Para unha empresa pequena como a nosa Internet é primordial. Nós temos desde o principio unha páxina web, castanasdocaurel.com, e estamos tamén moi presentes nas redes sociais.

-¿As castañas da zona son boas para elaborar cremas e marmeladas?

-As castañas que utilizamos veñen todas de soutos da Serra do Courel e dan un resultado excelente. Son pequenas, pero teñen un sabor doce e intenso que cadra moi ben con este tipo de produtos.

verónica núñez empresaria de quiroga