20 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Maite non cre en ningún deus, nin deste século nin do pasado, pero está segura de que hai uns seres que nos vixían agochados entre as nubes. Onte viu un resplandor pola outra banda da ría, a esa hora do atardecer na que acostuma a chegar o avión de Madrid a Peinador, e está convencida de que tiña que ser algo doutra galaxia. Os que antes vían anxos e virxes mensaxeiras agora ven extraterrestres.

Volve a fantasía neocientífica por onde antes entraba a fantasía espiritual e pseudomística, e de súpeto o ateísmo deulle paso ó ET-ismo baixo a crenza de que este planeta recibe unha visita periódica duns seres que veñen a dominarnos e adoutrinarnos. Crer na Santa Compaña ou na aparición de santo Algo quedou recluído ó baúl das antigallas, para encher libros e revistas coa hipótese de que un simple petróglifo é obra dos extraterrestres. E non deixa de facernos graza pensar que seres supostamente tan avanzados tecnoloxicamente, fiquen reducidos a simples picapedreiros que deixaban mostras da súa sapiencia en deformes figuras na illa de Pascua, edificios mortuorios en Exipto ou deseños de Land Art no Perú, coma un can que marca o territorio coa liberación da vexiga. E todo aquilo que a ciencia oficial non explica, para non meterse en hipóteses raras, entra nos ousados pseudoestudos que sempre conclúen coa mesma leria «os extraterrestres están aí, agardando para contactar con nós».

O caso é que crer nestas cousas non é de sociedades primitivas e incultas. Sei dalgún universitario que pasou horas de insomnio, outeando o ceo desde Monte Salgueiro ou o Xalo, ambos próximos á Coruña, como outros van pola famosa estrada 375 de USA, a coñecida Alíen Highway de Nevada, que todos os cazadores de alieníxenas soñan con percorrer, e onde os automobilistas se congratulan de confundir os avións dunha base aérea próxima, con pratos voantes. Unha crenza que xustifican dicindo que, tan grande como é o universo, ten que haber seres máis intelixentes ca nós nalgún sitio. E se ben iso é factible (¿por que non?), tamén hai que separar a fantasía e medir as posibilidades de viaxar desde outro sistema planetario ata nós, e que quen veña chegue vivo.

Estas historias venden, evidentemente, se así non fose non se seguirían emitindo programas (con nocturnidade e aleivosía) nos que se chega a dicir que os extraterrestres son os arquitectos das pirámides, a pesar de que mentes tan exactas como a de Hawking nos explican que, de haber vida só pode darse nunha estreita rexión de cada sistema solar, e de habela, esta só en moi raras ocasións pode ser de seres pluricelulares. E destes seres que pode haber, será moi raro que teñan intelixencia. E despois de ter intelixencia, aínda teñen que ter tecnoloxía adecuada para viaxar á velocidade da luz empregando, no mellor dos casos, varios miles de anos na travesía sen perderse no tempo; e de ir a tal marcha, e supoñendo que poden pasar dun sistema gravitacional ou planetario a outro con medios técnicos que nós non coñecemos, aínda terán que vencer esa famosa fórmula de Einstein na que a masa aumenta coa velocidade.

Agora si, sempre é máis doado crer en fantasías ca tentar entender as explicacións racionais.