¡Vamos sobraos!

FIRMAS

Non sei se moitas cidades no mundo poden presumir de ter entre os seus veciños dous campións olímpicos. Algo me di que non, aínda que nunca se sabe, que diría Mariano. O senso común invitaría a facer que Támara Echegoyen, que non só regateaba no Liceo, senón que vivía ademais en Vilagarcía, onde preparou os Xogos, percorrese os colexios da capital arousá demostrando aos pequenos que, efectivamente, ata o máis grande é posible partindo do lugar máis pequeno. ¿Non quedamos en que os valores asociados ao deporte fan mellores persoas e cidadáns? ¿Non era o deporte base unha das apostas centrais deste Concello? ¿Que mellor fomento pode haber da vela que amosar aos nenos que unha dos nosos chegou ao máis alto? ¿Non queriamos ocupar un lugar sobranceiro en Galicia, recuperar o bo nome de Vilagarcía, levantarlle a paletilla ao persoal? No canto dunha homenaxe, a rapaza recibiu silencio e torpeza. Será que andamos sobraos. Bótalle outra.