«En tendas e feiras podes vender, pero o mercado está na Rede»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

DANI GESTOSO

Comercializa as súas xoias a través de Internet

18 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Estudou Psicoloxía e leva un tempo traballando nesta área, fundamentalmente no eido da formación; pero, desde hai un tempo, pola cabeza da boirense Paula Tubío rolda a idea de abandonar este mundo para dedicarse profesionalmente á súa gran paixón: deseñar e confeccionar xoias. Esta é unha afección que ten desde hai anos e á que empezou a darlle forma empresarial a través de Internet. O aceptable nivel de ventas acadado dálle pulos para seguir adiante. Estes días amosa parte das súas creacións no centro social de Boiro, baixo o título Lío de palangre.

-¿Como nace esta afección?

-O certo é que non sei como naceu, sempre fixen algo disto. Xa na Universidade confeccionaba diferentes pezas, sobre todo pendentes, empregando vidro, coiro e metais.

-Pero, ¿de onde lle veu a idea de iniciarse nisto?

-Pois son bastante autodidacta. Vexo as cousas e búscome a vida para experimentar e tentar elaboralas.

-¿Que se pode atopar o público na exposición do centro social boirense?

-Están, por unha banda, as pezas feitas con materiais de reciclaxe, como uñas de percebe e cunchas de moluscos; e logo, as xoias inspiradas no mar pero feitas a partir de abaloiros, metais, redes e tela.

-Se tivera que elixir algunha das pezas que se expoñen, ¿con cal se quedaría?

-A que máis chamou a atención é un torque percebe, é un aramio forrado de tela que remata en unllas de percebe. Os raxos de polbo e o broche mexillón tamén gustaron moito. Logo están o colar e a pulseira alga, que tentan evocar aquela época da nenez que todos pasamos na praia, colgándonos algas polo corpo.

-¿Como se lle ocorreu dar o salto ao eido comercial?

-Pois decidín probar a través dunha páxina web e tiven aceptación. Agora, coa exposición, tamén me chegaron varios pedidos. É un traballo que me gusta moito e, se podo vivir disto, non o vou dubidar, voume lanzar seguro.

-¿Pensa que o futuro de negocios coma o seu está en Internet?

-Seguro. Eu empecei a dar a coñecer o meu traballo por achegados e, logo, por Internet. A través das tendas e das feiras podes vender, pero a día de hoxe hai máis mercado na Rede.

-¿A que tipo de clientes se dirixe?

-Os meus clientes, polo de agora, son mulleres de entre 25 e 40 anos e, claro está, tento adaptar o que fago a este público. Aínda que teño algún pedido de fóra, a maioría dos clientes son galegos, e o certo é que tamén fago moitas pezas relacionadas coa cultura autóctona. Empecei cun broche pandeireta que está seleccionado para o premio de artesanía Antón Fraguas. É unha colección que inclúe tamén pendentes e anel.

-¿Cal é a súa peza favorita?

-Gústame moitísimo a pandeireta. Foi coa que empecei e coa que abrín o blog, polo que lle teño un cariño especial. Da nova colección, quédome coa pulseira e o colar algas.

-¿Como ve o futuro? ¿Pensa abrir unha tenda?

-Quero ampliar o espectro e facer camisetas ou bolsos. O de abrir tenda non o descarto pero, a día de hoxe, penso que un negocio é moito máis arriscado que Internet.

paula tubío deseñadadora de bixutería