Como guía espiritual dos grupos rurais cristiáns nos anos 60 e 70, recibirá o venres unha homenaxe en Santiago
17 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Está a piques de cumprir oitenta anos, e leva doce de párroco en Cornazo. Aínda que vive en Vilagarcía cunha irmá, a casa reitoral da parroquia é un fiel espello da súa especialidade: cadernos das xuventudes rurais cristiás, unha foto do párroco nunha voda con Beiras e libros, moitos libros. Libros de todo tipo. «Si, teño o vicio dos libros -admite-, ¡pero tamén compro xornais! Que conste». Xaquín Gómez Barros -todo retranca- vai recibir este venres na hospedaría de San Martiño Pinario unha homenaxe polos seus cincuenta anos de sacerdocio, pero sobre todo, polo seu labor como consiliario da Xuventude Agrícola Rural Cristián, un dos movementos católicos dos anos 60 e 70 do século pasado. Naceu en Cuntis en 1932, pero cando se ordenou sacerdote, con 29 anos, fíxose cargo da súa primeira parroquia en Cambados, como coadxutor.
-¿Como foi que decidiu facerse cura?
-Eu era o maior de sete irmáns, e a miña nai quedou viúva cando eu tiña 16 anos. Entón pedimos axuda a un tío que tiña en Cuba, que me dixo que estudara Comercio. Estiven dous anos na Escola Profesional de Comercio de Vigo, pero sempre fun monaguillo e ao final decidín ir ao seminario. Era complicado, porque había que pagar, pero tiven a sorte de conseguir unha beca. A beca era ser o axudante do reitor. Tiven que traballar e estudar moito, pero non me arrepinto. Se volvera a nacer, volvería ser cura. Ser cura é unha bonita maneira de ser feliz.
-De feito din que é unha das profesións máis felices.
-¡E así é!
-Empezou en Cambados, alá polos 60. ¿Foi alí onde empezou a traballar coas xuventudes rurais cristiás?
-Si, o que pasa é que en Cambados non eran rurais, eran mariñeiros. Pero é certo que daquela xuntáronse moitas cousas. Os rapaces das aldeas querían transformar o seu mundo, pero se saíu adiante foi porque tamén había curas que loitaban nas parroquias. Eu co tempo fun o consiliario, pero o traballo o facían eles; e por suposto, o cardeal Quiroga. Déronse unhas circunstancias especiais.
-¿En que consistían os grupos? ¿Cales eran as actividades que facían os mozos?
-Había actividades colectivas e persoais, pero sobre todo, que cada un coa súa vida trataba de axudar aos demais. Tiñamos reunións nas casas de exercicios e organizabamos o día da xuventude, no que xuntabamos máis de tres mil rapaces.
-Creo que de cando en vez tiveron algún problema co franquismo.
-¡Eu con don Francisco non tiven ningún problema! O problema foi unha vez en Calo, coa garda civil, que dicía que estabamos repartindo propaganda subversiva, pero o cardeal saíu na nosa defensa, dixo que a igrexa non precisaba autorización para organizar unha actividade.
-Vostede sempre falou en galego na misa.
-Sempre, e nunca tiven ningún problema por iso.
-¿Os mozos de hoxe son distintos? ¿Na súa parroquia van á igrexa?
-Os mozos son as vítimas desta situación. Pola igrexa veñen pouco, pero que non se vaia á misa non quere dicir que un teña que ser mala persoa. Non teñen oportunidades, non teñen traballo e están a pasalo mal.
-O venres vai xuntar máis dun cento de persoas en Santiago, moitos deles antigos mozos daqueles movementos cristiáns. ¿Como se sinte?
-¡Non sei moi ben que van facer! Son eles os que se ocupan de todo. Estou nervioso e emocionado. ¡A verdade é que a bágoa a teño fácil!
xaquín gómez barros párroco de cornazo