Nenos deportistas

FIRMAS

07 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Invitoume un compañeiro a ver un partido de fútbol xuvenil porque xogaba o seu fillo, segundo el, quen o vai retirar cunha pensión vitalicia. Só é unha frase sen mala intención, que se pode entender como unha mostra de orgullo polo fillo atleta, sen embargo, non escasean os pais sen máis perspectivas ca vivir á conta dos cativos; vémolo en fillos actores e modelos de pasarela, pero tamén en pais que berran desde a banda nos campionatos escolares, excitando a agresividade dos nenos, tráxicas historias nas que os proxenitores se empeñan en ver realizado nos fillos as súas frustracións á conta do que sexa. Un negocio que chega á barbaridade de criar fillos coma quen cría xovencas, tal outra modalidade de explotación. E como a todo hai quen gañe, tamén acabo de ler unha historia contada polo escritor islandés Sjón, na que un pai chega a vender unha filla con síndrome de Down para disfrute duns desalmados mariñeiros perdidos naqueles fríos mares.

Estabamos dándolle voltas a este asunto cando Xulio se puxo morriñento, mentres botaban na televisión un partido de fútbol, e sinalou a un xogador dicindo que aquel tamén fora traído dunha aldea de África a onde nunca chegou un papel escrito e acabou asinando autógrafos; pero non lembra en que periódico francés denunciaron hai uns meses o abandono de máis de vinte mil nenos que foron traídos do terceiro mundo para fornecer o espectáculo do deporte e acabaron abandonados nos arrabaldes das grandes cidades. E os pais aló, pensando que os cativos están labrando o futuro.

El, que no seu día se rebelou contra o pai porque non lle deixou facer unha proba cun dos grandes equipos galegos, despois de que o visen nun partido de Preferente, lembra para os compañeiros de parladoiro a máis dunha ducia de coñecidos que abandonaron os estudios para probar a sorte da Primeira División, e acabaron colgando un recorte de periódico local onde outros teñen un título profesional. O engado deses corpos de cine, desas figuras adoradas e podres de diñeiro, engancha a quen idolatra a fulano ou citrano por facer malabarismos, pero tamén ós pais que desde as primeiras letras se esforzan en berrarlle ós nenos cando van diante da pelota, «corre», «dálle», «arréalle», ou ó árbitro, que acabará levando casco e chaleco antibalas para protexerse da furia paternalista.

Leo nas páxinas de cultura do xornal que o director de cine Miguel Alcantud comezou a rodaxe dunha película sobre este asunto. Ó parecer, Diamantes negros falará dalgún dos vinte mil nenos africanos que entraron en Europa coa promesa de ser o pichichi da próxima tempada e acabaron pedindo esmola, sen billete de retorno, nalgunha cidade famosa polo seu equipo de fútbol. A prensa diaria dá nome e apelidos de clubs e de rapaces involucrados nesta trata, que chegan con falsas promesas de estudio ou con contratos de traballo que duran o que dura facerlles unha proba de rendemento e logo, se non dan o tipo, contentaranse con ver a Eto´o ou a Messi por televisión.