24 sep 2012 . Actualizado a las 16:13 h.

Aquel amiguiño dos nosos tempos escolares, a quen todos soportaban pero ninguén estimaba, o Virulillas, nin era o máis rico nin o máis listo da parroquia, pero sabía darse a valer xustificando as súas canalladas como algo ó que se vía obrigado por mor das maldades alleas. E con el, cando os poucos anos nos levan máis polo camiño emocional ca pola paciente frialdade, aprendemos que só unha acertada campaña de propaganda converte ó demo nun santo. Darse a valer pode ser tanto como sacarlle beneficio ó fracaso alleo, como pórse un sobre valor, e cada día vemos como por rabia, por egoísmo, por forza, por orgullo e ata por odio, darse a valer é un acto exento de piedade.

Por darse a valer o crego da parroquia peca de orgullo sen facer propósito de emenda, e o concelleiro do barrio entrega persoalmente as licencias de obras e os permisos do que sexa botando pestes contra a oposición que só sabe poñer trabas.

Naqueles anos do grupo escolar a propiedade dun balón daba dereito a escoller quen xogaba e quen non; e non era por xogar, aínda que fose a tempo parcial polo que todos lle cedían o paso, senón porque quedar excluído do campo de xogo era como se foses nomeado publicamente persoa non grata; e condenado ó ostracismo das minorías, daí o valor daquela pelota e daquel aprendiz de cacique.

Estoutro día, no noso parladoiro semanal de evasión, un amigo contounos como soubo do verdadeiro valor que ten darse a valer, cando un xefe lles lembrou durante unha reunión de traballo, que non serve de nada facer un esforzo especial en favor dun cliente se logo non se lle recorda, se non se lle pon prezo como se o servizo fose unha mercadoría, porque a xente acostuma a agradecer o último favor recibido e a esquecer toda unha vida de dedicación, e por iso naceron as visitas post-venda, as de reaxuste e comprobación e outras que teñen como única finalidade dicir e lembrar «aquí estamos nós a pesar de todo». Incluso aínda que o cliente se fose coa competencia, o representante ha de volver pola súa casa con amables frases cargadas de mala intención «non sabía que tiñades un servizio tan malo», ou con certa dose de desprestixio para o outro, «esta marca non a coñecemos, non ten moita presenza no mercado», frases que serven para crear certa intranquilidade no cliente que, a partir dese intre preguntarase se fixo ben mercando ese produto, e cada vez que teña un problema, tamén dubidará das vantaxes prometidas, da letra pequena ou de que alguén lle veña dicindo «xa che dicía eu que non te xuntaras con eses a quen ninguén quere».

Dándose a valer, abundan as frases trampa que axiña son levadas e traídas como tiro de escopeta. Frases que semellaban comprender e xustificar ó cliente enganado pola maldade do outro, xustificando o mal de hogano na perversidade de antano, coma quen pon tarros de mel podre agardando polas moscas, e cando aquel cliente, fregués ou súbdito volva recoñecendo algún error, o vendedor de favores terá argumentos para marcar prezos e condicións, as subidas de IVE ou os recortes de salario, e aínda deixará que aquel lle bique a man porque lle terá moito que agradecer.