«Entrar no teatro foi como comezar na escola; sentín a mesma sensación»

Álvaro Sevilla Gómez
álvaro sevilla RIBEIRA/LA VOZ

FIRMAS

CARMELA QUEIJEIRO

22 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Segismundo Zúñiga non fala por falar. Ante as preguntas para, pensa e vai mascando, pouco a pouco, cada palabra. Precisa sentilas, entrar no papel. Valora cada adverbio, cada substantivo, cada conxunción, semella que para el todo ten un valor maiúsculo, coma se cada verba puidese tratarse da última. Explícase sinxelamente, xesticula para así darlle forza ás palabras, axudándoas a saír cun último empurrón. Detrás dos seus ollos azuis agóchase unha longa andaina pola historia de Rianxo, que el conta tranquilo, con normalidade, como si non tivese importancia.

«Nacín no 1933, o mesmo ano que o grupo teatral Airiños, é unha desas casualidades que ocorren nesta vida, de algunha forma nacín unido ao teatro», sinala. Recoñece que ao longo destes 79 anos foi un pouco de todo: «De rapaz tiven un pequeno taller de bicicletas, fun carpinteiro, traballei no estaleiro, aquí no peirao das Sete Fogas. Logo montei un bar, chamábase o Segis, durou máis de trinta anos, ata que me xubilei». A súa vitalidade demostra que a este rianxeiro aínda lle quedan moitas funcións por interpretar: «Foi con 59 anos cando entrei a formar parte de Airiños».

Despois de traballar toda a vida, quixo entrar no mundo da chamada farándula: «Entrar no teatro foi como comezar na escola, sentín a mesma sensación que notara con 7 anos e comezaba a estudar, foi o comezo dunha nova etapa». Fala de Airiños con viveza e sempre cun sorriso nos beizos: «O teatro foi algo grandioso, liberador». Recorda cada etapa que lle tocou vivir dentro deste peculiar grupo teatral, o conxunto afeccionado máis antigo de toda Galicia: «Entrei alá polo 92, comecei axudando no que podía, eu andaba entre bambolinas, tanto podía facer de rexedor, como de técnico de luces. Ao final todo forma parte do espectáculo teatral».

O papel máis importante

De algo do que non se esquece é dos papeis que leva interpretados, pero sobre todos recorda un que foi moi especial: «O papel que máis me gustou foi o de Señor Baldomero, na obra A fiestra baldeira, de Rafael Dieste. Foi o que menos traballo me deu, só tiven que aprender o texto, o resto era eu. De algunha forma, eu era o señor Baldomero. Era un home de mar, e eu, aínda que nunca fose mariñeiro, levo toda a vida pegado a el». Agarda os intres antes de entrar en escena en tensión, co lombo ben estirado, para deixala alí, detrás do telón. Unha vez que entra en acción ten que mostrarse liberado, lonxe dos típicos momentos de nervios.

Máis alá do teatro, agocha outra paixón, a súa finca. Alí pasa o tempo que non está actuando ou ensaiando, e tamén aquel que non aproveita paseando polas rúas de Rianxo: «No terreo planto e arranco árbores, planto e arranco flores. Lévame o seu tempo, creo que me faltan días, cada vez vexo menos mar pola proa». Iso si, recoñece que aínda lle quedan moitos papeis por interpretar e moitas flores por plantar.

O seu recuncho

Escolleu como recuncho o peirao das Sete Fogas, lugar que nunca lle aburre, e iso que o leva visitando dende que era un cativo. De rapaz xogaba alí cos seus amigos, saltaban entre os barcos, nunca faltaba unha trasnada. Cando comezou a interesarse polas rapazas era o sitio a onde as levaba a dar un longo paseo. Unha vez que tivo netas, converteuse no lugar que visitaba collidos da man: «O peirao das Sete Fogas é un sitio que me acompañou ao longo da miña vida, alí levaba ás miñas netas de paseo». Recoñece que este peirao da valor ao traballo artesán: «É unha obra das máis bonitas de Rianxo, nótase o traballo de canteiro, o traballo de antes».

Segismundo Zúñiga

79 anos

Empresario xubilado

No peirao de Sete Fogas, lugar que valora como a obra máis bonita de Rianxo e polo que pasea dende que era un neno.