«O PP adianta acontecementos para desviar a atención dos seus problemas»
17 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.As próximas eleccións autonómicas serán as primeiras ás que terá que enfrontarse como secretario xeral do PSOE no municipio de Lugo. Mentres acelera a maquinaria electoral, Luís Álvarez Martínez, concelleiro de Urbanismo, pilota a tramitación do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal aínda sen aprobar nos últimos metros cara a meta da súa posta en vigor. Álvarez, que nalgúns ámbitos lucenses se ve como o home ao que cederá Orozco a alcaldía, asegura que non ten ningunha decisión tomada e que, en todo caso, quen pretenda tomar o relevo deberá pasar antes por unhas eleccións primarias.
-No PP, a xulgar polas declaracións dos seus concelleiros, parece que sospeitan que será o próximo candidato socialista á alcaldía... ¿Gustaríalle ser alcalde de Lugo?
-O que me gustaría é que, do traballo que estou facendo neste momento, a percepción fose que o estou facendo ben como concelleiro de Urbanismo. Non hai ningún debate aberto neste momento sobre ningunha sucesión. Temos un alcalde que, ata onde eu sei, será alcalde ata as próximas eleccións municipais. Entón decidirá se segue ou non; neste momento non está aberto ese debate. Se decide non seguir abrirase o proceso de primarias para decidir quen será o candidato e neste momento non teño ningunha decisión tomada a ese respecto. Que o Partido Popular queira adiantar acontecementos para desviar a atención sobre os seus problemas internos, é unha cuestión sobre a que eu carezo de influencia e ademais non lle dou a máis mínima importancia. É un debate absolutamente artificial.
-Quedámonos logo no campo do urbanismo. ¿Para cando a aprobación da parte do PXOM que aínda está en tramitación?
-A miña previsión é que se aprobe a redacción definitiva na sesión plenaria de novembro. Está xa pechado con todos os grupos políticos. Nesta semana pecharemos os planos, as modificacións na memoria e todo o demais. Estou seguro de que o PP apoiará a aprobación. O Bloque votará en contra, como fixo no resto do plan, unha posición que xa estaba prevista no acordo de goberno. Outra cuestión é a situación que se pode dar na Xunta ao fío das eleccións. Se segue gobernando o PP, pode haber cambios na consellería que demoren a aprobación do plan; se cambia o goberno, tamén podería haber algunha demora, pola reorganización. En todo caso, espero que goberne quen goberne sexa consciente da importancia que ten para Lugo a aprobación definitiva da totalidade do plan.
-Parece que a revisión do plan do casco histórico vai para largo...
-Para o Pepri sigo coa planificación que fixemos, que inclúe adiantar moito traballo mediante un convenio co Colexio de Arquitectos. Pero a singular situación pola que pasa o COAG incide nas previsións. Parece que agora o colexio conseguiu a financiación que necesitaba para o convenio co Concello. En realidade xa debería de ter empezado o traballo en xuño. Hai que facer a memoria económica, social, arquitectónica, marcar directrices, etcétera.