«A cidade vai gozar coa Volta»

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

RAMON LEIRO

Pontevedra acollerá este mércores unha nova chegada da ronda ciclista

25 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Chegou o momento. Tras meses de planificación, estudo e traballo organizativo, a Volta Ciclista a España está a chegar. O pelotón desembarca en Pontevedra mañá pola noite e estará na cidade ata o xoves. Son días de intenso traballo no Concello, como ben sabe o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).

-Levaba a Volta dende 1980 sen pasar por aquí e imos xa pola segunda chegada consecutiva.

-A mín sorprendeume moito a resposta acadada o ano pasado. Fixemos unha especie de proba e a verdade é que o impacto foi espectacular. Dende o punto de vista de promoción e, sobre todo, pola sensación de que os cidadáns valoraron moi positivamente que se trouxera a Volta. Dado o éxito, xa tiñamos falado coa organización para repetir este ano. Penso que negociamos ben, porque hai unha rebaixa importante con respecto a inversión do 2011 [de 100.000 a 80.000 euros] e dende logo o impacto vai ser moi superior. Tanto na actividade económica arredor da Volta como en proxección da cidade no exterior.

-¿Hai moito traballo detrás para organizar un final de etapa?

-Moitísimo. Pero estámolo a facer ben, en orde. A Policía Local está facendo un traballo espléndido, atentos a todos os detalles, dende a ubicación dos ciclistas nos hoteis ata todo o operativo de tráfico e dos voluntarios. Polo tanto, espero que Pontevedra sexa para a Volta unha garantía de éxito na organización e tamén dende o punto do espectáculo deportivo.

-Sendo unha etapa contra o reloxo, o espectáculo na cidade parece que non vai faltar.

-A Volta é garante de espectáculo, pero esta vai ser unha etapa especialmente atractiva porque van pasando os ciclistas un por un, a proba estará moito tempo na cidade, as rúas van estar cheas... Pontevedra vai gozar moito coa Volta, tanto os que a sigan en vivo como tamén a xente que a vexa na televisión.

-Van ser moitas horas de Pontevedra na tele.

-Claro, diso se trata. Haberá un helicóptero ofrecendo unhas vistas aéreas preciosas de Pontevedra, e deseñouse un percorrido polo centro que permitirá ver a cidade no seu máximo esplendor: entra por A Barca e pasa polo centro, o casco vello, o río... ¿Canto custaría unha campaña de promoción da cidade que teña repercusión en todo o mundo? Seguramente falamos de millóns de euros.

-Este ano serán tres as etapas na provincia, pero parece que Concello e Deputación traballan de costas.

-Paréceme espléndido que a Deputación trouxera dúas etapas máis. Pero dito isto, parece un pouco rarito que poña cartos para as saídas en Ponteareas, Cambados e Vilagarcía e para a chegada en Sanxenxo e e non aporte nada para a chegada en Pontevedra. Creo que é un erro da Deputación, porque isto ten un efecto positivo para todos. Se aVolta vén á provincia é porque o Concello abriu a negociación e logo entraron eles. Dende a Deputación hai un desprezo coa capital da provincia que non entendo, incluso vexo certo sectarismo que teño que lamentar.

Miguel Anxo Fernández Lores alcalde de pontevedra