Considera clave a prevención para evitar que os máis pequenos sexan vítimas en casos de violencia
10 jul 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Miguel Ángel Veiras Álvarez (Ourense, 1974) está ao cargo do servizo de Voluntariado do Concello de Ourense. Unha das súas últimas accións foi a de organizar diversas actividades dirixidas aos máis pequenos con motivo do día internacional dos nenos vítimas de agresións. É so un exemplo do seu traballo nun departamento con máis de 150 voluntarios.
-A actividade que organizamos consistiu na celebración dunha serie de xogos para os máis pequenos con motivo do día internacional dos nenos vítimas de agresións. Instaláronse mesas con monitores onde se facían xogos durante un par de horas cada día.
-¿Teñen detectado esa problemática na cidade?
-Non temos coñecemento, porque se escapa do noso ámbito, de ningún caso en concreto aínda que temos a certeza de que dentro da propia cidade hai nenos que sofren agresións en distintos ámbitos, desde o familiar ata o escolar. Son situacións que por desgraza están máis cerca do que pensamos.
-¿Cal é o volume de persoas que colaboran na Concellería de Voluntariado?
-Agora mesmo temos entre 150 e 160 voluntarios. Non todos eles están a facer cousas con frecuencia, xa que hai xente que colabora con outras entidades.
-¿Cal é o perfil máis habitual que se encontran?
-É un pouco complexo definilo, xa que abarcamos campos tan dispares como as persoas maiores, os desempregados ou o medio ambiente. Incluso contamos en ocasións especiais con nenos que, con autorización dos seus país, participan de maneira activa na carreira pedestre do San Martiño.
-¿Pódese considerar que Ourense é unha cidade voluntaria?
-En Ourense hai moita xente que traballa para facer a vida mellor aos seus veciños. É moi de agradecer o seu esforzo, xa que nalgúns casos incluso sacan do seu tempo de ocio para colaborar con outra xente que o necesita por circunstancias persoais.
miguel ángel veiras coordinador de voluntariado del concello