A san Bieito tanto o puideron facer patrón de Europa por organizar a primeira multinacional como por facilitar a libre circulación de persoas e mercadorías entre os seus conventos, pois, estendendo o monacato por Europa rachou fronteiras e fixo que o seu hábito negro puidese levar viño de Amandi á Lombardía ou cervexa alemana a Roma, exentos de portazgos e fielatos. Con el os mosteiros convertéronse en pequenos entes cun certo grao de autonomía, pero unidos por un ideario común, de tal maneira que, cando escaseaban os víveres nunha zona, sempre se podía botar man do excedente doutra para socorrer ós compañeiros en crise, cunha envexable mostra de organización; e os labregos do entorno dun convento, aínda a pesar dos rife rafes que o trato diario lles traía, sentíanse protexidos, e ata agradecidos, porque os monxes sabían canalizar os excedentes. Pero como os actuais primeiros ministros non son abades nin priores, cando intercambian os caldos do Ribeiro cos da Renania, a discusión é onde está o valor engadido, ou sexa, que labrego ten dereito a cobrar máis.
Xelmírez, tal vez un dos máis grandes políticos que deu a nosa terra, animou ós monxes de Cluny a instalarse entre nós e compaxinar o ora et labora para rentabilizar a produción agrícola. Un século despois, Afonso VII, cando os do Císter reforman a regra facéndose máis rigorosos na vestimenta e na devoción, facilitoulles o asentamento no seu reino, ó permitirlles escoller as terras onde ían rezar e gobernar, para maior gloria de Deus e paz entre os súbditos, pero tamén para incrementar os beneficios con que a orde Bieita medrou en Europa, grazas á plusvalía dos paisanos, e especialmente en Galicia, onde posiblemente se dea a maior concentración conventual por superficie do continente.
Os conventos tamén eran centros de organización e investigación, onde se fomentaba o I+D, para reducir as terras incultas e facilitar a súa explotación, animando ós paisanos do entorno a aplicar as novas técnicas, de maneira que, cando as crises económicas asolaban ós países en guerra ou o malfado dunha sarabia inesperada estragaba as colleitas, sempre había un mosteiro bendicido pola deusa fortuna que podía socorrer ós irmáns desafortunados sen lle cobrar os intereses dunha desorbitada prima de risco.
Eran outros tempos, e esa política de facer circular produtos e de ampliar a produción, converteu ós mosteiros en mostras de prosperidade por encima de reinos e condados; pero un mosteiro non é un estado, e os gobernantes actuais, con toda a boa fe, a porta pechada ou aberta, andan ás trompadas para que non se fagan barcos no Ferrol, porque iso quítalle carga ós estaleiros holandeses, e se a crise aperta, deixaranse de facer coches en Vigo para que os fagan en Francia. As fronteiras están abertas e a boa fe pregóase, pero limítase a actividade en cada territorio segundo quen máis elegantes labazadas sabe dar nos consellos de ministros, para aumentar ese valor engadido que nos diferenza a uns de outros.