«Pedra Rubia é case parada obrigada, un lugar para relaxarse»

Patricia Blanco
patricia blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

DANI GESTOSO

Ten só 29 anos, pero por ter traballado nun sitio ou noutro, moitos deles da hostalería, é unha cara coñecida en Boiro. Jesús Vázquez del Rey, Core -alcume polo que o veñen chamando dende ben pequeno- é o encargado do mesón Abadía de San Enrique. Aínda así, en realidade, ten alma de escultor e canteiro. Máis ca alma, estudos. As manualidades, como el di, «eran o meu». Pasou dous anos en Compostela, na escola Mestre Mateo, e outros tres en Poio (Pontevedra), na Escola de Canteiros. Empezou estudando a madeira, pero foi coller a pedra nas mans e, definitivamente, decantarse por ela. Para os seus estudos tivo moito que ver As cruces de pedra na Galiza, de Castelao. Leuno pouco antes de decidir que estudar e, dunha semana para outra, sóuboo. «Acertei de cheo», admite.

Pasou uns anos facendo obras por encargo. A cousa ás veces vai por modas e el estivo unha boa tempada facendo tallas de Virxes do Carme e San Ramón. Tamén algún que outro banco. O de traballar na hostalaría de xeito permanente foi algo ao que chegou de rebote. Comezou a restaurar a casa que actualmente é mesón e botou dous anos investindo tempo e recursos. Pensou que ía ser algo temporal, abrir no verán ou en datas sinaladas, pero o establecemento comezou a funcionar ben o resto do ano. Así que está «amarrado». Por iso non lle queda moito tempo para ir ao lugar que é a súa vía de escape: a zona rochosa coñecida como Pedra Rubia, en Carragueiros. Polas vistas. Por todo. Aí, a Jesús Vázquez gústalle ver o peche do día, o atardecer. Se non pode ser, polo menos dá unha volta polo lugar, pasea ou corre: «Pedra Rubia é case parada obrigada, un sitio para relaxarse». Verán e inverno.

Volver á pedra

Amósase contento polo bo funcionamento do bar. «Sorprendeume porque non queda nin preto de nada, nin de camiño de nada. A xente que vén faino adrede, e chegan dende A Pobra ou Ribeira», explica. O vindeiro día 13 fará tres anos da apertura e, como el di, «mentres vaia capeando...». Gústalle traballar con clientes «de 30 para arriba: son máis esixentes, pero tamén hai unha maior tranquilidade. Xa traballei tamén con aquel ruído de xente máis nova, pero agora prefiro o outro ambiente». Tamén por respecto e integración na zona onde está situado: ao lado dunha igrexa.

Pese á entrega que fai falta nun establecemento deste tipo, el ten a mente posta en volver a pedra. De vez e cando segue a facer algunha vez, pero xa advirte a quen lla pide que se demorará: «Acabar unha peza faise eterno». Agarda que este inverno que vén lle poida dedicar máis tempo á escultura: «Polo menos metade e metade». A pedra require paciencia e tempo. El aposta polo granito silvestre, da zona de Vigo: «Déixache traballar ben o detalle. Nisto, un golpe en falso é volver a empezar». Non ten preferencias por una obra ou outra: o gusto é o feito de traballar o material. Canto máis difícil, maior é o reto. A súa mellor obra foi o bar, restauralo. Core é un mozo coa arte nas mans, pero que soubo subirse ás oportunidades brindadas no día a día. E o tempo para Pedra Rubia faise.

Jesús Vázquez del Rey, «Core»

Hostaleiro, escultor, canteiro

Pedra Rubia, en Carragueiros