«Escribo pola noite nunha libretiña; no ordenador é práctico pero non é o mesmo»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FIRMAS

cedida

02 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ten quince anos e acumula un número bastante maior de premios literarios. ¿Cantos? Prefire non confesalo. «Non os conto», asegura. «Estos últimos anos levei máis», comenta se se lle tira da lingua.

O primeiro foi escolar, con 8 anos. Xa choveu. No que vai de 2012 recolleu seis recoñecementos. Acadou o primeiro premio de poesía na décima edición do certame literario do Concello de Ames e o accésit de poesía nos Premios Minerva que organiza o colexio Manuel Peleteiro. Nestes últimos era a primeira vez que podía participar. Nun certame no que teñen trunfado figuras como Fernando Ónega ou Suso de Toro, ela foi a premiada máis nova.

Ademáis, Marcela Porto fixo dobrete nos certames de poesía Francisco Añón e Xela Arias. No da Serra de Outes acadou o primeiro premio e o accésit. No certame non hai segundo nin terceiro premio e, por primeira vez na súa historia, os dous recoñecementos recaeron na mesma persoa. No Xela Arias de A Guarda pasoulle algo parecido. Acadara o primeiro e o segundo premio, aínda que o xurado optou por outorgarlle o segundo a outra participante e concederlle a Marcela, ademais do primeiro, unha mención especial.

Pese á avalancha de recoñecementos, a estradense mantén a modestia. «Os premios son sempre unha alegría, pero non son para contar nin para fardar», insiste. «O que máis me gusta é ver as obras publicadas. Ver que xa o tes alí, que xa tes algo que ensinarlle á xente. E os actos, que tamén son moi emotivos», conta. «Os premios recompensan esa parte de ti que non mostras normalmente», explica Marcela Porto.

A pesares de ser unha rival a temer nun certame, a estradense nunca escribe expresamente para os concursos. «Eu chego pola noite á casa e de súpeto sinto que hoxe toca. Collo a libretiña e empezo a esbardallar. Non escribo a propósito para os concursos. É algo que me sae. Despois miro as bases dos certames e vexo se algo do que teño se pode axustar á convocatoria», explica.

Marcela Porto é unha romántica. Non está en contra da tecnoloxía, pero prefire pasar as follas dun libro que ler en pantalla e escribir a man que nun teclado. «Uso moito o ordenador, polos amigos, sobre todo, pero escribir escribo pola noite nunha libretiña. Ou nun folio, no medio da clase. Xa me teñen berrado por iso», confesa. «O ordenador é práctico, pero non é o mesmo que escribir en papel, coa túa letra...», reflexiona.

A outra grande paixón de Marcela é a música. Para o ano fará o quinto curso no conservatorio profesional, na rama de percusión. Estivo no grupo de música tradicional Tequexetéldere e agora toca na Banda de Música Municipal da Estrada e en canta foliada pode. «Pásoo pipa», confesa.

Fusión música-poesía

Letras e música non van por libre. «Para min a música e como a banda sonora. Escribo cousas que sinto tocando e hai músicas que me recordan certos momentos. Todo vai unido. Non son capaz de separalo», explica.

Marcela ten cultivado o conto e a prosa, pero na poesía é onde lle pode dar saída mellor ós seus sentimentos. «A min sáeme bastante a prosa, pero é unha prosa moi poética e acabo dándolle forma de versos», comenta.

Marcela Porto Mato

15 anos

Escribir, ler, tocar en festas e ruadas e xogar ó tenis

A biblioteca é un dos seus espazos favoritos polas posibilidades que ofrece de entrar noutros mundos.