Lembrando a Celso Emilio Ferreiro

x. m. r. ourense / la voz

FIRMAS

O último número da revista Raigame lembra a figura de Valentín Paz-Andrade, xunto coa do poeta celanovés no centenario do seu nacemento

03 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A proximidade do Día das Letras Galegas trae cada ano unha nova entrega da revista Raigame, a publicación que dende hai anos edita o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e que onte presentaba o seu número 36. O director da revista, Xulio Fernández Senra, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco, e o deputado provincial de Cultura, Antonio Mouriño, diron a coñecer os contidos de Raigame nun acto celebrado no organismo provincial. Xunto á figura de Valentín Paz-Andrade, protagonista do 17 de Maio, a revista centra un dos seu bloques temáticos en Celso Emilio Ferreiro e na celebración do centenario do seu nacemento.

As colaboracións inclúen un artigo de Luís Ferreiro Loredo, fillo do autor e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, sobre o poeta e o seu compromiso a prol de Galicia. O exdirector xeral de Cultura, Francisco López-Barxas, inclúe na publicación o texto que leu na entrega da última edición do premio Celanova, Casa dos Poetas e Antonio Piñeiro fai un repaso de aspectos da vida de Curros e de Celso Emilio Ferreiro para establecer un paralelismo entre os dous escritores de Celanova.

O biógrafo do autor de Longa noite de pedra, Ramón Nicolas, elaborou para este número un texto titulado Os encontros de Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz-Andrade e José Ángel García López publica o traballo Conexións entre narrativas en linguas castelá e galega de Celso Emilio Ferreiro.

Para esta nova entrega da revista do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo o profesor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín recuperou unha entrevista que se fixo ao escritor a finais dos anos 70.