Mudar os criterios programáticos sen renunciar

FIRMAS

Asumido que a coartada da crise actúa como implacable vasoira que arrasa con todo, as máis das veces cunha frivolidade que mete medo, e non poucas amparadas por xestores (públicos, privados, mediopensionistas e dos outros?) necesitados de pasarse polo oculista (ou polas aulas?), a Cultura (si, con maiúsculas) sempre é a primeira vítima.

Chímpase todo, ás veces cunha frivolidade que recorda ao innombrable de tempos remotos que dixera aquilo de «cando escoito a palabra cultura, saco a pistola?». Certo que na hora das prioridades para administrar o diñeiro público, o xestor responsable recorre ao sentido común, pero varrer coa Cultura sen máis, ten un aquel de frivolidade.

Co seu presuposto, o Festival de Cine Internacional de Ourense nunca debeu tirar tan alto. Con 370.000 euros non hai festival que se levante no mundo por moito carto que pareza. Habería que comezar por asentar outra verba máis sensata e realista. Múdese a certame, mostra, encontro ou simplemente Ourense Film 2012, que tería a ambigüedade suficiente para simular a carestía económica e non por iso renunciar ao que sempre aspirou: manter a Auria como referente do audiovisual propio, que esa é outra. Historicamente, a Ourense (capital e provincia) correspóndelle o peso emocional das orixes do cine galego, cousa irrenunciable. Políticos, xestores culturais, cidadáns en suma, deberían telo claro. Outra cousa é que, considerando a baixa económica da Deputación Provincial de Ourense, se procuren outros acordos coa institución, e mesmo que se recorra a patrocinadores privados, que algún sempre habería malia a crise.

E, claro, mudar os criterios programáticos, que se pode facer e non sempre é cousa de cartos. Estase a tempo. Non trunfe o pánico.