Auga Editora publica «Longa noite de pedra» en versión bilingüe

x. m. r. ourense / la voz

FIRMAS

A Deputación apoiou o proxecto sobre Celso Emilio Ferreiro

18 abr 2012 . Actualizado a las 19:45 h.

As citas de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro con motivo da celebración do seu centenario siguen sumando convocatorias. Logo de centrar a primeira entrega do ciclo Galicia, Ceo das Letras 2012, celebrado o día 14 na Cidade da Cultura, onte voltou ser de novo protagonista dunha convocatoria en Ourense. Na Deputación presentouse a edición bilingüe do seu poemario «máis universal e importante»: Longa noite de pedra. O proxecto foi desenvolvido por Auga Editora e contou co apoio da Deputación de Ourense. O director literario de Auga Editora, Xosé Antonio Perozo, presentou a obra xunto ao presidente da Deputación e o responsable de Cultura da institución, Manuel Baltar e Antonio Mouriño respectivamente, e o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro -fillo do escritor-.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reiterou o compromiso da institución «por apoiar a nosa cultura e de forma destacada a literatura senlleira dos nosos grandes autores» e o traballo «sempre a carón da defensa dos valores sociais, culturais e de todos os ámbitos que contribúan a facer provincia». Para Baltar Blanco a obra de Celso Emilio Ferreiro «é duradeira e intemporal», ao tempo que definiu ao poeta de Celanova como un dos referentes da literatura galega «pola calidade dos seus textos e pola visión social que expresaba na súa poesía».

Pola súa banda Xosé Antonio Perozo salientou o compromiso do autor co seu tempo e, de xeito especial, a súa «gran calidade literaria e os diversos rexistros poéticos e culturais que Celso Emilio Ferreiro empregaba con sensibilidade, mestría e sabedoría».