Unha páxina de viñetas no semanario «O Galiciano» en 1888 é a primeira historieta galega
19 mar 2012 . Actualizado a las 17:40 h.O nove de decembro de 1888 o semanario O Galiciano publicaba unha páxina de viñetas secuenciadas baixo o título Discurso d'autualidade d'un calvo moi patilludo a quen chama a vecindade don Sexismundo... o peludo. Segundo a tese da mostra Orixes do cómic en Galicia, que se inaugurou na tarde de onte en Santiago, esta é a primeira historieta en lingua galega que se publica en Galicia.
Pero, seguindo o fío da mesma exposición, comisariada por Rosario Crespo, non é a primeira obra na que situar os comezos do xénero no país. Oito anos antes comezan a verse en xornais e publicacións periódicas viñetas, tiras e ilustracións cómicas, un xénero que había de ser practicado por nomes tan ilustres como José María Cao, Castelao, Manuel Torres, Camilo Díaz Baliño ou Carlos Maside e no que, como guionistas, colaboraron Blanco Amor ou Ramón Cabanillas. A mostra, que se pode ver no Arquivo de Galicia, fai un percorrido polas principais páxinas do xénero entre 1880 e 1960, alimentada fundamentalmente polos fondos propios do arquivo. A exposición está dividida en tres grandes etapas que teñen como tempo central a década dos anos vinte do pasado século que, segundo Rosario Crespo, «foi a da gran explosión de autores, publicacións e xéneros». Na mostra exhíbense orixinais en papel xunto a documentos en formato dixital. Ademais das primeiras viñetas publicadas en Galicia tamén se ofrece a primeira viñeta publicada en galego en Madrid, obra de Manuel Torres.