No entroido tampouco se pode perder o tempo. No capítulo de Padre Casares que esta noite emite a TVG (22.35 horas) tamén é luns de entroido, pero as rivalidades non se van parar para poñer unha careta. Todo o contrario. A festa rachada que hai en Louredo co asunto do entroido vai a marcar aínda máis distancia entre Delmiro e don Crisanto, unha rivalidade que nestes días festeiros chega a ser un clásico, como os grandes partidos de fútbol. Con todo, os dous fixeron propósito de non caer nas trampas do outro, aínda que para iso haxa que impedir que se celebre a festa.
A guerra entre os dous líderes da parroquia non é a única que inquieta aos veciños. Hai outra ben diferente: a que enfronta á vila con Silvia, a nova moza do antigo sancristán. O carácter peculiar da rapaza non gustou en Louredo. Pero non só non gustou, os veciños está dispostos a demostrarlle ao que foi sancristán cal é a verdadeira forma de ser de Silvia e evitar que case con ela.
Antes da emisión do capítulo de Padre Casares chegará a entrega desta semana de Louredo responde. Os seguidores da serie poderán coñecer de primeira man porque don Crisanto e Delmiro teñen a manía de montar unha liorta todos os anos cando chega o entroido. ¿Serán capaces de non facelo?