Dous milenios de evolución dunha parroquia

La Voz

FIRMAS

14 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O estudo de Xurxo Ayán traza un amplo panorama histórico que vai desde a civilización castrexa ata a actualidade, describindo os diferentes modelos de ocupación e aproveitamento do territorio que se sucederon durante este tempo no territorio da parroquia de Cereixa.

Idade de Ferro. No primeiro milenio antes de Cristo aparecen os poboados fortificados prerromanos, dos que hai numerosas mostras na bacía do río Saa.

Romanización. Nos séculos I e II, o Imperio Romano desenvolve un sistema de explotación intensiva dos xacementos auríferos que abranxe os actuais municipios da Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Samos, Quiroga e Ribas do Sil. A arquitectura castrexa é incorporada a este sistema e constrúense novos castros «como forma de impoñer unha nova articulación demográfica e territorial, vencellados á explotación económica agrícola e mineira».

Alta Idade Media. No século III son abandonadas as explotacións auríferas. Aínda que algúns dos antigos castros -non de os carácter mineiro- continúan habitados, vaise implantando un novo modelo de poboamento «baseado na aparición de aldeas abertas sen connotacións defensivas». Entre os séculos VIII e X consolídase a ocupación do fondo de val da bacía do Saa, chegando á súa plenitude o novo tipo de organización territorial, que toma como referentes os ríos, os montes e os vestixios dos castros.

Idade Media plena. Neste período, baixo a influencia dos grandes mosteiros, defínese o sistema de organización parroquial que subsiste ata a actualidade. Na conformación da parroquia de Cereixa, segundo Ayán, desempeña un papel fundamental a vía de comunicación que une o val do Sil coa Pobra do Brollón, xa utilizada na época romana, que corresponde coa ruta histórica do Camiño de Inverno.

Antigo Réxime. A parroquia de Cereixa -que dependeu directamente do bispado de Lugo desde finais do século XV- caracterízase nesta etapa por unha estrutura económica de subsistencia baseada no cultivo do centeo, a horticultura e o aproveitamento dalgúns viñedos e dos soutos. Este modelo pervivirá ata a segunda metade do século XX.