O futuro pasa pola integración comarcal

Xosé A. Esmorís Gómez TÉCNICO DE ARQUIVO E BIBLIOTECAS DO CONCELLO DE LAXE

FIRMAS

Coa crise económica afectando ás tesourerías municipais, a biblioteca é un servizo candidato a sufrir importantes recortes, o que indubidablemente repercutirá no seu funcionamento, sobre todo nas súas programacións, que xa dende hai tempo son dependentes dos programas da Consellería de Cultura. É certo que todas melloraron as súas condicións en canto que xa son lugares máis cómodos, amplos, con mobiliario axeitado e fondos máis ou menos abundantes con coleccións actualizadas, pero seguimos a falar de bibliotecas tradicionais, espazos onde se almacenan libros e que, malia as súas enormes posibilidades, son un recurso infravalorado e desaproveitado. Nunca coma neste momento de crise vai a depender dos usuarios o ser quen de satisfacer por si mesmos as súas necesidades informativas e de acceso á cultura, o desenvolvemento dun pensamento crítico e reflexivo.

Se na década pasada a tecnoloxía provocou un impacto nelas e todas incorporaron internet e equipos informáticos, os cambios na sociedade e as transformacións que, en consecuencia, experimentan a educación e a información, as redes sociais obrigan ó bibliotecario a axustar a práctica ás novas necesidades dos usuarios e a xestar situacións de aprendizaxe cada vez máis creativas, sen caer no perigo de desvirtuar a súa función.

O futuro das bibliotecas da comarca pasa pola formación, organización, uso e difusión das coleccións dende un modelo avanzado de integración comarcal. E para iso precísanse actuacións como a elaboración dun catálogo bibliográfico automatizado único a nivel comarcal, a especialización da colección por areas do coñecemento de cada biblioteca, o que non impide a existencia de coleccións básicas, a cooperación na programación de actividades para o abaratamento do seu custo e o fomento do préstamo interbibliotecario. Os diferentes gobernos municipais da bisbarra, a pesares da mala situación económica, deben esforzarse dentro das súas posibilidades en manter o seu compromiso co desenvolvemento e consolidación deste servizo como medio para alfabetizar en información.