Carta a David

Francisco Rozados

FIRMAS

Benquerido amigo David:

Téñoche que escribir esta carta, aínda que a man me trema coma se tivese Párkinson, aínda que a alma me trema coma abaneada por un vento infame. Téñocha que escribir porque sinto unha dor que non sei como descargar, e eu sei que cando escribo, algo se me libera. Téñocha que escribir por iso e tamén porque pasei moitos anos ó teu carón, aprendendo a facer política, modestamente, desde abaixo, coa xente, coa nosa xente, coa que hoxe te chora, porque fuches un gran Alcalde, pero sobre todo un bo amigo. A amizade é un dos grandes valores desta vida inxusta, cruel ás veces, que só nos ofrece algúns remansos precisamente no amor, na familia, na amizade.

Tamén che escribo a ti en lugar de escribir sobre ti porque eu sei que aínda estás aquí, con nós, coa túa xente, porque hai cousas que un non pode esquecer, que quedan marcadas con lume na pel do corazón. Non é doado substraerse á dor para tratar de escribir.

Eu sempre considerei que tiña certa facilidade de palabra, pero ante esta situación as palabras non veñen, non chegan, non fan xustiza. O corazón pide palabras e non as atopa, porque a dor é inefable e deixa un indefinible gusto a desamparo.

Compartín contigo intres de xogo, xogamos xuntos ó baloncesto e ó fútbol en moitas ocasións, compartín contigo intres memorables de ledicia e tamén outros de menos fortuna, tanto na política coma na vida mesma, pero sempre xuntos e capeando o temporal. Todo iso quedará para sempre na miña alma e será difícil de borrar.

Aínda que fose fácil eu non querería borralo, porque se un deixa de recordar, esquece. Parece unha perogrullada, pero non o é. O esquecemento é coma apagar un lume que nunca se volverá prender, e o teu lume debe quedar aceso e reflectido nun espello, para que outros se miren nel e aprendan a ser xenerosos como ti o fuches.

Perdemos un Alcalde, e iso podémolo superar, pero a perda dun amigo é fonda e insubstituíble, ben o sabes ti, porque aínda non hai dez anos que despedimos a Paquiño. Véñenme á memoria uns versos que cantou Alberto Cortez: «Cuando un amigo se va / queda un vacío en el alma / que no lo puede llenar / la llegada de otro amigo. / Cuando un amigo se va / queda un tizón encendido / que no lo puede apagar / ni toda el agua de un río». Estame queimando ese tizón moi dentro e téñome que despedir porque as bágoas acaban de me manchar o papel no que estou escribindo.

Só che quero dicir, para rematar, que cando os teus fillos sexan maiores, se algún día se achegan a min para preguntarme como era seu pai, tereilles que contar que era un home grande, pero sobre todo un gran home. Ata sempre, amigo da alma. Ata sempre.