Compromiso natural e político co galego

Felipe Ferreiro

FIRMAS

Eu estaba alí cando Baltar anunciou a súa renuncia como presidente da Deputación. Casualmente. Eu estaba alí no ano 1987 cando se puxo en marcha en Ourense a Escola Oficial de Idiomas con Fina Platero, directora, Granja, de secretario, e eu de xefe de estudos. Foi no edificio Simeón, cedido pola

Deputación, presidida por Victorino Núñez, mais era con Baltar con quen había que falar. As facilidades foron todas. Comezamos con inglés, francés e galego; logo: alemán. Baltar é nomeado presidente (1990) e toda petición é atendida. A cuestión era facer que o galego chegase a ser lingua de uso normal nas administracións. Foi un compromiso decidido a prol da lingua propia de Baltar e dó pleno. Baltar cría e segue crendo naquilo que mellor nos identifica: a lingua, a cultura. Sempre foi moi consciente do feito polos homes da Xeración Nós, da súa aposta galeguista cultural e da dignificación da lingua. Foi peza clave para que a Deputación de Ourense fose pioneira no proceso normalizador do galego. Foi partícipe activo e exemplar, mesmo asistindo aos cursos xunto cos traballadores da casa. Cando por razóns da súa axenda non podía recibía as clases pola mañá facíao pola tarde. Mesmo se viña de Madrid, canso, farto de xestións, para o galego sempre tiña tempo. ¡E traía os deberes feitos, e facía os exames! ¡Exemplar! Eu fun un afortunado ao poder estar aí, ao seu carón, en moitas destas apostas e compartir ás veces intimidades, a súa intelixencia, a súa persoa de home que cría e se entregaba nestas causas. Nesta despedida da política activa, mostrar o meu recoñecemento na súa aposta en particular pola recuperación, dignificación e normalización do galego. Álvaro Cunqueiro seguro que lle diría: «Grazas Baltar por contribuír a que o galego siga tendo máis primaveras».