Se os mesmos xestores que hai doce anos impulsaron a creación do novo recinto feiral de A Maroma fosen quen de albiscar que Fexdega remataría convertida nun dos meirandes pavillóns deportivos de Galicia, probablemente o proxecto nunca se tería desenvolvido. Pero así son as cousas. Tempo haberá de reflexionar sobre o xeito no que se dirixiu unha actividade feiral que, debendo abrirse a dúas bisbarras -O Salnés e A Estrada, a demarcación que abrangue a Cámara de Comercio-, ficou confinada, en troques, ao eido practicamente exclusivo de Vilagarcía. Abonda con lembrar cantos alcaldes que non fosen o da capital arousá se deixaron caer polas beiras do río do Con en todo este tempo. A non ser que o patrón político do momento fixese sonar a corneta, sobran dedos nas mans para botar esta conta. Así se conduciu este país durante longos lustros, permitindo salarios astronómicos a cambio de espazos baleiros. Agora Ravella ten un plan. Ninguén defendeu unha alternativa mellor para lograr erguer esta desfeita e facer rendible tanto carto público estragado.