Quince anos de integración nas aulas

Olegario Sampedro

FIRMAS

Hai uns anos, co incremento de familias inmigrantes na comarca, un grupo de profesionais do ensino e da psicoloxía, coordinados dende o Plan Comunitario Municipal de Ribeira, realizou un estudo sobre as relacións de convivencia xuvenil no municipio. O traballo revelou, entre outras evidencias, a crenza entre a mocidade de que os inmigrantes elevaban os niveis de delincuencia na vila. Pola contra, os datos reais de actos vandálicos ou de violencia demostraban a case nula presenza de inmigrantes neste delitos. Prexuízos versus realidade.

No instituto Número Un de Ribeira, onde teño a honra de traballar, levamos case quince anos alfabetizando e escolarizando a alumnado de procedencia inmigrante -maioritariamente marroquís e, en menor grao, iberoamericanos e asiáticos- e , agás as lóxicas peculiaridades culturais, practicamente non existen diferenzas: a mocidade é mocidade, independentemente da súa procedencia.

Dito isto, compre non esquecer que a escola é simplemente subsidiaria da maior das influencias educativas e psicolóxicas da persoa: a familia. Se somos obxectivos e honestos deberiamos recoñecer que, en nome dun progreso mal entendido, a prepotente cultura de novo rico xunto cun trabucado concepto de égalité pasaron a ser norma habitual de transmisión cultural.

Neste contexto, as normas de convivencia mudaron: non se leva dar as grazas, nin pedir as cousas por favor, nin ser ben falado? Lonxe de todo reducionismo maniqueísta, ¿adiviñan que alumnos e alumnas seguen conservando máis o que antes se chamaban «bos modais»? Acertaron. Os inmigrantes.