A importancia da representación comarcal en Madrid

Antón Noceda

FIRMAS

21 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Fitur é unha feira de turismo e como tal a súa razón de ser principal ten que ser a difusión da oferta e facilitar a interrelación entre os diferentes actores do sector. E máis alá do seu obxectivo principal, hoxe tense convertido tamén nunha fiestra aberta ao turismo nacional e internacional onde se presentan novos produtos, novas metodoloxías de traballo, nichos de mercado emerxentes, e principalmente nun espazo para o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector (tanto públicos como privados).

A Feira Internacional de Turismo é un espazo privilexiado para presentar e pór en valor as novas iniciativas empresariais e das Administración públicas, e nese senso cobra especial importancia a presenza de representantes institucionais que arroupen e avalen os novos proxectos que inician a súa andadura.

Na presente edición de Fitur, e cando xa sobrepasamos o ecuador da mesma, a actuación de Neria e do conxunto dos concellos da Costa da Morte ten posibilitado a posta en valor ante todo o sector turístico de novas publicacións, a presentación dunha pioneira iniciativa de empresarios de hostalería e restauración de Fisterra e a presentación da presenza, por primeira vez, da Volta Ciclista a España na Costa da Morte, cunha importantísima presenza de representantes institucionais apoiando e avalando estas iniciativas. Sen menoscabar, ademais, o papel dinamizador da cada presenza á alza dos empresarios do noso territorio facilitando a súa interrelación con diferentes profesionais do sector.

O Concello de Malpica persoouse en Fitur coa finalidade de difundir no territorio nacional a súa oferta turística. Os integrantes da representación institucional e o persoal técnico desprazado ata Madrid traballaron intensamente para conseguir dito obxectivo. O Concello de Malpica de Bergantiños participa da estratexia xeral de Neria aportando a súa propia singularidade ao conxunto a riqueza do seu patrimonio, unha decidida aposta pola potenciación e posta en valor da olería tradicional e unha activa estratexia de medios que ten posibilitado unha destacada presenza co obxectivo de difundir e valorizar o turismo local e comarcal.

Con esta presenza a Concellería de Turismo de Malpica pretende implicarse decididamente no desenvolvemento do sector do noso territorio.