«A mellor opción é aproveitar órganos de doadores vivos»

La Voz

FIRMAS

O coordinador de transplantes do complexo hospitalario de Santiago, un dos dous galegos que realizan esta intervención, destaca o incremento de doadores vivos en España o último ano: «foi maior do esperado, e iso está moi ben, aínda que en centros como o noso esta vez non tivemos ningún», afirma.

-¿Que vantaxe supón a doazón entre vivos?

-A principal é que se pode escoller unha persoa doadora idónea, que non padeza patoloxías graves, o que favorece que funcione mellor e unha mellor calidade de vida para a persoa receptora. Co órgano que procede dun cadáver non hai esa posibilidade. En España aínda é baixa a doazón entre vivos, hai países onde é maioritaria. Aquí penso que a mellor opción para incrementar máis o número de transplantes é aproveitar máis órganos de doadores vivos.

-En España houbo menos negativas familiares, cando en Santiago aumentaron, ¿como se pode modificar iso?

-Supoño que con máis educación e mellor información. Porque a poboación galega, cando se lle pide solidariedade, responde como a que máis. Hai que ver tamén se inflúen a percepción que as familias teñen da sanidade, ou a cultura da morte.

-¿Por que aumenta a idade media das persoas doadoras?

-Porque hai menos accidentes de tráfico, onde morren persoas máis novas; e máis mortes cerebrovasculares, en doentes máis vellos. Por iso máis do 80 % dos doadores cadáver teñen máis de 45 anos.

-¿Ten a comunidade galega suficiente capacidade para transplantar?

-As cifras que rexistran os hospitais de Santiago e A Coruña penso que son suficientes, aínda que quizá habería que revisar a distribución xeográfica.